Convocan concentracións perante as sedes de IGVS na defensa do dereito a vivenda e contra os despexos

Convocadas polas plataformas anti-desafiuzamento para esta sexta feira, inciden na responsabilidade de banca e institucións no drama dos despexos. Na Galiza hai 300.000 vivendas sen habitar.

 

As delegacións do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en cidades e comarcas galegas verán esta sexta feira, como fronte súa agroman concentracións, protestos e mobilizacións na defensa dun dereito básico: o dereito a vivenda. Na Galiza hai 300.000 vivendas sen habitar, o 19% do total.

O dereito a vivenda digna, recollido entre os dereitos fundamentais, vese vulnerado; mentras uns se enriquecen especulando cun ben básico outros fáiselle imposible acceder a unha vivenda. Dende o ano 98 que se reformou esta lei ata o ano 2008 duplicouse o prezo da vivenda” explican desde Stop-desafiuzamentos de Ourense, unha das plataformas convocantes (12:00 horas). “Na actualidade estase a vender vivenda de protección oficial, construida con diñeiro público, dende a SAREB ( Banco Malo ) a fondos voitre a prezo de saldo pero impideselle a cidadanía acceder esa mesma vivenda o mesmo prezo”, denuncian.

Stop-desafiuzamentos de Compostela convoca para as 10:30 horas coa palabra de orde “A banca déixanos na rúa. A solución das institucións: caixas de cartón”.

8.000 despexos

Na última década aumentou a porcentaxe de vivendas baleiras en Galiza en case un 9%. O 'boom' inmobiliario derivou en construcións a toda costa. Entre 2011 e 2011 na Galiza construíronse 297.118 vivendas, un medre do 22,3 por cento.

Perto de 8.000 despexos tiveron lugar en Galiza nos últimos cinco anos. Entre os exercicios 2008 e 2013, ambos inclusive, executáronse 7.724 ordes de desafiuzamento, segundo dados do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ). Unhas cifras do poder xudicial coas que o blog da Cadea Ser 'Diario da Crise' vén de facer un mapa con dados por provincias.