XOáN COSTA, ANTE O 4 ANIVERSARIO DO DIARIO DIXITAL

“Sermos é unha ferramenta necesaria para unha sociedade que quere analizar o mundo desde unha perspectiva propia”.

Xoán Costa. Imaxe: Olalla Rodil

Esta terza feira, 26 de abril, Sermos Galiza facemos catro anos. Unha boa ocasión para agradecervos máis unha vez a todos os que, dun ou outro xeito, partillades este proxecto que esteades aí. Conversamos co presidente do consello de administración, Xoán Costa. 

O cuarto aniversario de Sermos Galiza como proxecto comunicativo ten dúas datas riscadas en vermello no calendario. A primeira é esta terza feira 26 de abril, o día en que o web SermosGaliza.gal cumpre catro anos. A segunda é o 8 de xuño, día en que se comemorará o cuarto aniversario do semanario Sermos Galiza, o único en galego nos quiosques do país. Falamos con Xoán Costa, presidente do Consello de administración de Sermos Galiza

- Catro anos xa de Sermos Galiza en andamento. Como valoras este período?

- Eu diría que é un período que combina a ilusión de ver medrar un proxecto necesario, imprescindíbel coa, ás veces, insatisfacción de ver que podemos ir moito máis alá e ese horizonte que está aí aínda non sempre se pode alcanzar. Pero en todo o caso, satisfacción ao ver que somos capaces de levantar un proxecto cun grande apoio social, motivado por unha necesidade como é, simplificando, facer retornar o galego aos quiosques.

- Pensabades, hai catro anos, que o proxecto ía estar nesta altura do camiño?

- Sen dubida, a resposta é pensabamos. Polo menos no que atinxe ao dixital diario. Mais complexa é a situación do semanario en papel. Para este pesou moi negativamente a experiencia de empresas anteriores e o contexto xeral dos medios en papel. De aí que seu percorrido e introdución social vaian un pouco por detrás dos prazos marcados. Mais en todo o caso, o importante non é estar uns metros máis adiante ou máis atrás no camiño: o verdadeiramente importante é que temos claro o camiño.

“O importante non é estar uns metros máis adiante ou máis atrás no camiño: o verdadeiramente importante é que temos claro o camiño”

- Por que un medio como Sermos é necesario en Galiza?

- Pola mesma razón que precisamos forzas políticas propias; forzas sindicais en consonancia coa realidade produtiva do País ou un sistema educativo que atenda a nosa realidade desde nós. Ter medios de comunicación que atendan os intereses galegos é unha necesidade tan evidente como as anteriores. Neste sentido, Sermos Galiza, por canto depende exclusivamente do seu accionariado, das súas lectoras e lectores e non está suxeito a intereses de grupos de presión alleos, é unha ferramenta necesaria para unha sociedade que quere, e que precisa, analizar o mundo desde unha perspectiva propia.

- Nos últimos meses Sermos "mudou de pel", un cambio de deseño no dixital e no papel. Que se procuraba?

- Os cambios de deseño son frecuentes en todos os medios. En todo o caso procurouse, basicamente, presentar un medio máis atractivo e de maior cualidade, quer do punto de vista informativo quer dos elementos visuais e materiais. A comezar polo semanario en papel, que é o elemento diferencial de Sermos. O diario dixital non é único diario dixital en galego. Hai outros, mais o semanario en papel é único. Por iso apostamos nun redeseño que nos permitise ofrecer contidos exclusivos que non aparecen no dixital. E ao tempo que ofrecese un aspecto atractivo. Para o dixital tamén tivemos en conta os requirimentos dos dispositivos lectores após comprobarmos como hoxe a maior parte dos accesos á web procede de telefones e tabletas. A web anterior non soportaba adecuadamente estes dispositivos.

“Acredito que podemos falar do “espazo Sermos” de comunicación”

- Tes dito que "Sermos nace co obxectivo de ter un espazo de comunicación propio e recuperar o galego nos quioscos". Ves consolidados estes retos após 4 anos de existencia?

- Dicía antes que o camiño é longo mais creo que hoxe podemos dicer que Sermos Galiza é recoñecido como un elemento necesario na consolidación dese espazo de comunicación propio. Acredito que podemos falar do “espazo Sermos” de comunicación. O diario dixital presenta uns índices de usuarios únicos, de páxinas vistas, mesmo de duración das visitas, altamente competitivo co resto de diarios deste teor. Canto ao semanario, a introdución nos quiosques rexe por outros parámetros, sen esquecer o da gratuidade do dixital fronte ao produto de pago que é o papel. Mais o obxectivo de Sermos é consolidar o semanario en base a un determinado número de asinantes. E neste sentido os resultados están a ser positivos aínda que, debo recoñecelo, a un ritmo inferior ao inicialmente previsto.

- Onde ves Sermos dentro doutros catro anos?

- Non sei como será nin onde estará Sermos dentro de catro anos. Nin sería responsábel pola miña parte aventurar. Podo dicir que para o quinto aniversario Sermos estará un paso máis adiante na consecución dese obxectivo de ser unha empresa de comunicación ao servizo dos intereses galegos. E iso é o que nos importa, o que nos move e o que nos guía.