O Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a "alarmante realidade" dos desafiuzamentos

Vista panorámica de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Alerta da  crise de vivenda que afecta "miles de persoas" en Vigo e en toda a Galiza.

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu esta sexta feira á regulación dos prezos de aluguer e a pór ao dispor vivenda pública para garantir este dereito, ante a "alarmante realidade" dos desafiuzamentos, despois de que un veciño da cidade olívica resultase ferido grave esta quinta feira tras precipitarse desde un cuarto piso cando recibiu a notificación do seu desaloxo.

Este colectivo sinalou que o ocorrido nas últimas horas pon de manifesto "a crúa realidade" á que se enfrontan moitos inquilinos e chamou a "non ignorar o sufrimento" de quen ve ameazado o seu fogar.

Segundo advertiu, este suceso é "só a punta do iceberg dunha crise de vivenda que afecta miles de persoas" en Vigo e en toda a Galiza.

Por iso, e tras lembrar que detrás de cada cifra hai persoas e historias de vida, subliñou que "é urxente actuar" e urxiu medidas para regular o prezo do aluguer e para pór en marcha parques de vivendas públicas a prezo alcanzábel.

"Enfrontámonos a unha realidade alarmante: un desafiuzamento diario e cada día catro caseiros demandan para botar os seus inquilinos por non pagar o aluguer", advertiu o Sindicato, que esixiu "pór fin ao rendismo desenfreado, á especulación inmobiliaria "que converte os fogares en simples activos financeiros".

Na mesma liña, Podemos-Vigo trasladou a súa solidariedade co inquilino ferido nas últimas horas e coa súa familia, e lamentou que o ocorrido é "o resultado dun sistema que prioriza o lucro sobre as vidas humanas". Por iso, esixiu medidas "urxentes" para "protexer aos inquilinos e previr traxedias".