Sindicato médico acusa o Sergas de "branquear" as listas de espera cirúrxicas

Enfermeira no quirófano (Ariadna Creus e Àngel García/Banc d'Imatges Infermeres).

O CESM critica que non se publiquen as listaxes non estruturais. 

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza acusa o Servizo Galego de Saúde (Sergas) de "branquear" e "manipular" as listas de espera cirúrxica ao non publicar as non estruturais.

Nun comunicado, CESM lamenta a "propaganda" da Xunta "presumindo" de ser a segunda comunidade con menor demora -66 días de media, só por detrás de Madrid- no informe publicado a semana pasada polo Ministerio de Sanidade.

O sindicato médico ve estes datos unhas "verdades a medias" porque "só busca réditos políticos" e "en ningún caso" a mellora da asistencia nin do traballo dos profesionais. Así, a organización esixe que se publiquen as listas de espera non estruturais, ás que habería que sumar as máis de 47.000 persoas das estruturais.

"CESM considera que non é xusto, nin ético, nin moral que se faga esta basta manipulación publicitando só as listas de espera estruturais, e mantendo ocultas as inmensas listas de espera de pacientes que a propia Administración sanitaria tentou derivar a operarse a outros hospitais e que estes pacientes, pola súa confianza nos médicos que os atenderon e no merecido prestixio dos nosos recursos público e nas súas circunstancias persoais, non aceptasen", denuncia a central.

O sindicato sospeita tamén que todos eses "pacientes desaparecidos para maquillar as estatísticas" correspondentes a 2023, que serán "as últimas que se coñecerán" antes das eleccións galegas, reaparecerán "moi probabelmente" a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Precisamente, hai uns días transcendía que a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) presentara un recurso ante un Xulgado do Contencioso-Administrativo para que o Sergas publique toda a información sobre as listas de espera, estruturais e non estruturais, despois de solicitala pola Comisión de Transparencia de Galicia.