Sindicatos do ensino advirten da falta de empresas para a FP

Alumnado de FP durante a súa formación práctica nun centro de traballo. (Foto Xunta da Galiza).
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez reuniuse esta quinta feira cos docentes de FP que participan nos grupos de traballo para a ordenación da nova Formación Profesional, Incluirá módulos a estrear, máis horas de inglés e un incremento da formación práctica en empresas.

O titular da Consellaría de Educación deu conta das novidades na FP para o curso que vén a semana pasada nunha rolda de prensa acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

Esta quinta feira, 2 de maio, Román Rodríguez volveu facer fincapé "no baleiro normativo do Ministerio", que aínda non ten publicada a normativa básica pola que se terán que guiar as administracións autonómicas, e que afecta non só á ordenación da FP, senón tamén aos cambios que será preciso introducir.

A Consellaría está a traballar nunha orde que regule o encaixe organizativo do curso que vén. "Tal e como se están facendo as cousas, tarde, mal e arrastro, tanto por parte do Ministerio como por parte da Xunta, non vemos problemático que sexa unha orde" a que marque o camiño, sinala a Nós Diario o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello. "O que nos preocupa é que a Consellaría está levando ao límite a permanencia do alumnado nas empresas, algo que para nós redunda nun empeoramento claro da FP".

Entre as novidades principais da nova lei estatal está a introdución de novos módulos, uns de nova creación e outros en substitución dos xa existentes, e o incremento até un máximo de 700 as horas de formación en empresa. Así, na Galiza a FP será dual en todos os graos: básico, medio e superior.

"Non temos un tecido empresarial que estea en disposición de ofrecer unha boa formación nas empresas. A maioría son pequenas e medianas empresas (pemes) con moi poucos empregados", cuestiona Bermello, quen apunta dificultades en moitos casos para atopar empresa e mesmo abandonos por parte do alumnado, "porque tamén nos encontramos cunha parte do empresariado que o que fai é utilizar man de obra barata".

Neste sentido tamén se pronuncia Borja Campos, voceiro de CCOO-Ensino. "Vai ser moi complicado atopar empresas para todos os cursos de todos os ciclos", sinala, ademais de laiarse da falta de transparencia e concreción da Consellaría, que nada avanzou aos sindicatos do ensino sobre a implantación, desenvolvemento e currículos da nova FP. "Sabemos do atraso do Ministerio, moi lamentábel, pero a falta de transparencia da Xunta cos representantes do profesorado non se xustifica e só achega incerteza aos centros", que xa preparan unha batería de preguntas á administración.

Cambio nos horarios e funcións

A introdución de novos módulos vai exixir cambios en todos os ciclos, advertiu a Consellaría, que conta cuns 300 docentes para adecuar a repartición de horas, a actualización de contidos e a revisión dos itinerarios formativos. Durante o encontro que mantiveron esta quinta feira avanzaron outros retos, xa que tanto o aumento das horas de formación en empresas como de inglés van mudar "as funcións e horarios do profesorado". O alumnado botará máis tempo nas empresas, di Educación, "mantendo tamén a formación en centros".

"É a cuadratura do círculo", censura Bermello. "Calquera que vexa como se vai incrementar o horario nas empresas sabe que vai diminuír nos centros e iso serán postos de traballo, que non admitimos perder nin desde o punto de vista laboral nin da formación".