Un sismo de magnitude 5,5 rexistrado ao sur de Lisboa faise sentir na Galiza

Localización do epicentro do sismo rexistrado na mañá desta segunda feira ao sur de Lisboa. (Foto: IXN)

O tremor non orixinou danos materiais nin persoais.

O Instituto Xeográfico Nacional (IXN) rexistrou na madrugada desta segunda feira un terremoto de magnitude 5,5 na escala de Richter no Atlántico, ao sur da capital de Portugal, Lisboa.

O organismo sinalou que o sismo tivo lugar ás 5.11 horas (hora portuguesa, ás 6.11 horas na Galiza) a 19 quilómetros de profundidade, segundo o cálculo revisado publicado na súa páxina web.

Con todo, a pesar da magnitude do sismo, non se deu conta de danos materiais ou persoais.

O sismo sentiuse tamén en varios puntos da Galiza, en localidades como Tomiño ou A Guarda (O Baixo Miño), Vigo, Soutomaior ou Gondomar (comarca de Vigo), Bueu ou Moaña (O Morrazo), Ribeira ou Boiro (O Barbanza), mais tamén en concellos do norte do país como Cambre, A Coruña ou Narón (comarca de Ferrol). Igualmente, sentiuse no Estado español, especialmente en Huelva, así como en Marrocos.

Este sería o terremoto máis forte rexistrado na rexión desde o ano 2009, cando os sismógrafos detectaron un sismo de magnitude 5,6 tamén na costa sur de Portugal.