A situación de máxima alerta pola pandemia atinxe na Galiza 51 concellos

Dúas persoas pasean pola rúa (Imaxe: Europa Press).
En nivel 2 da alarma hai 20 municipios. 

A alerta vermella por Covid chega xa a 51 concellos galegos, un máis que na xornada do domingo, de acordo co mapa 'semáforo' que cada día actualiza a Consellería de Sanidade.

A actualización de hoxe, 2 de novembro, inclúe a incorporación en alerta vermella do concellos de Gondomar, Ordes, Xinzo e Boqueixón. Os concellos de Muros, Cerceda e Silleda pasan a nivel 2.

Atópanse en nivel vermello os concellos de Baiona, Cambados, Cangas, A Cañiza, A Estrada, Gondomar, O Grove, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Poio, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e A Guarda.

Tamén os de Ames, Arteixo, Boqueixón, Cambre, Carballo, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Santiago, Teo e Vimianzo. O Cervo, A Fonsagrada, Lugo, Monforte de Lemos e Viveiro, Xinzo de Limia, Barbadás, O Carballiño, Ourense, Ribadavia e Verín tamén están en máxima alerta.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol -máis de 76 casos nunha semana-, Pontevedra -máis de 96-, Santiago -máis de 112-, Lugo -máis de 112-, Ourense -máis de 120-, A Coruña -máis de 276- e Vigo -máis de 332-.

Alerta laranxa

Mentres, en situación dúas -na cor laranxa do mapa- sitúanse 20 concellos, o mesmo número que na xornada do domingo. Cerceda, Ares, Arzúa, Malpica, Muros -tamén pasa do nivel tres ao dous-, Porto do Son, Sada, Valdoviño e Oza-Cesuras.

Un nivel no que tamén están Caldas de Reis, Cuntis, Fornelos de Montes, Lalín, Silleda -que pasa da alerta vermella á laranxa-, Vilaboa, Cercedo-Cotobade, San Cibrao das Viñas, Bóveda, Cospeito e Burela.