Só 16 incendios fican activos, após as chuvias das últimas horas

Lume perto dunha vivenda

Ningún é alerta 2, isto é, ningún ten perigo para as persoas nen para as vivendas.

As chuvias das últimas horas están a contribuír para apagar os lumes desta vaga sen precedentes. Dos 132 que houbo activos ao mesmo tempo nalgún momento da pasada fin de semana só fican en curso neste momento un total de 16, ningún deles perigoso para a vida humana.

 

Mentres se sufocan as últimas lapas, continuamos sen coñecer o dado de cantas hectáreas foron atinxidas. Na súa comparecencia de onte no Parlamento, a conselleira, Ángeles Vázquez, ocultou a cifra e limitouse a consignar que estes días ardera tanto territorio como todo o que levamos de 2017 xunto.

 

A SER na Galiza avanzou como hipótese a de que arderon por volta de 20.000 hectáreas. Para facérmonos unha idea do que supón ese dado hai que ter en conta que o PLADIGA -o plano de prevención e extinción dos lumes da Xunta- estabelecía como obxectivo para toda a temporada 15.000 hectáreas.