crise dos pellets

"Só o pobo salva o pobo": o voluntariado galego volta ás praias para limpar os pellets

Persoas voluntarias limpan de pellets unha praia da Coruña (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
Unha iniciativa a través de Change.org diríxense ao conselleiro de Mar, Alfonso Villares, e á ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, para  instalos a "tomar medidas inmediatas e efectivas para protexer o ecosistema mariño e que unha catástrofe como esta non se repita nunca máis".

Persoas voluntarias organizáronse esta terza feira para limpar algunhas praias galegas ás que chegou a vertedura dos pellets de plástico. Aínda que gran parte das limpezas xurdiron de forma espontánea por parte da cidadanía, a organizada en Nigrán está coordinada polo Concello e conta coa colaboración da Asociación de Escolas de Surf Patos e o Club Marítimo de Panxón.

Tal e como difundiron en redes sociais, o punto de encontro é o aparcamento das Escolas de Surf de Patos, desde onde saíron pola mañá. Ademais, lanzaron unha serie de recomendacións para proceder á limpeza. Entre elas, acudir con luvas, non escavar na area e limpar só a capa superficial, non extraer elementos naturais da praia, e manter distancia coas aves para evitar que se estresen, entre outros. Tamén para esta terza feira organizáronse limpezas na praia de Barrañán (Arteixo), ás 15.30 horas; e na praia de Samil (Vigo), ás 15 horas.

A acción cidadá non se limita á limpeza de areais. A asociación NoiaLimpa, unha das primeiras en dar a voz de alarma sobre a vertedura para mediados de decembro, lanzou unha recollida de sinaturas en liña para "parar a contaminación mariña de pellets e por unha nova normativa máis segura".

Unha iniciativa a través de Change.org diríxense ao conselleiro de Mar, Alfonso Villares, e á ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, para  instalos a "tomar medidas inmediatas e efectivas para protexer o ecosistema mariño e que unha catástrofe como esta non se repita nunca máis".

Explican que, polo seu aspecto, os pellets son inxeridos pola fauna mariña, que as confunde con ovos, e son filtradas tamén por ostras, mexillóns e algas. Ademais, o seu tamaño dificulta a súa limpeza, "polo que se teme que isto derive nunha "marea branca" de consecuencias tráxicas para o medio ambiente e que afecta directamente ás comunidades costeiras que viven da pesca, o marisqueo e o turismo, sen esquecer todos os danos indirectos que xera esta contaminación nun ecosistema que produce a metade do osíxeno do mundo".

"Produtos perigosos"

Por todo iso, solicitan recualificar os pellets para que sexan considerados produtos perigosos e moi contaminantes e cambiar a normativa de transportes marítimos para que viaxen con máis medidas de seguridade e sexan manexados por profesionais especializados.

Tamén exixir responsabilidades, con multas ás empresas implicadas, produtoras e de transportes, que provoquen este tipo de feitos e estabelecer un protocolo de actuación en caso de desastre ambiental a nivel estatal para actuar con celeridade. Polo momento, a petición solicitou 250 firmas en menos de 24 horas.