Sobe a presión hospitalaria malia o descenso de novos contaxios

Dúas mozas retiran o certificado Covid no punto administrativo de Ourense. (Foto: Xunta da Galiza).

Os casos activos descenden a 16.824 e a taxa de positividade mantense por riba de 10%.

Galiza inicia a segunda semana de agosto por baixo do milleiro de contaxios de Covid-19 e mantén a tendencia descendente na conta dos casos activos. Con todo, os pacientes hospitalizados polo coronavirus aumentan a 341, o que supón 25 máis que o día anterior e 13 máis que fai sete días.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta segunda feira con rexistros de até as 18 horas do domingo, as persoas ingresadas pola Covid en UCI mantéñense en 55 e as hospitalizadas noutras unidades aumentan a 286, 25 máis que o último día. Pola súa banda, 16.483 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe nas sete, coa da Coruña e Cee á cabeza con 17 pacientes Covid en UCI e 80 noutras unidades.

Caen os casos activos

Os casos activos de Covid manteñen a tendencia descendente por cuarta xornada consecutiva e redúcense a 16.824, que constitúen 465 menos que o día anterior. Con respecto a hai unha semana, Galiza conta con 1.983 casos activos de Covid-19 menos que os 18.807 rexistrados o pasado 2 de agosto.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden de novo en todas as áreas menos na da Coruña (+48). Así, redúcense nas de Vigo (-177), Santiago (-115), Lugo (-101), Pontevedra e O Salnés (-77), Ourense (-37) e Ferrol (-6).

A área da Coruña mantense á cabeza en número de infeccións activas, con 4.619, seguida da de Vigo, con 4.098; Pontevedra, con 2.109; Lugo, con 1.914; Santiago e Barbanza, con 1.804; Ourense, con 1.275, e Ferrol, con 1.005.

Descenden os contaxios

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 caen por baixo do milleiro até os 811, o que supón 208 menos que os rexistrados onte e os 128 de hai unha semana. Do total, A Coruña suma 316; Vigo, 123; Pontevedra, 104; Santiago, 80; Lugo, 74; Ferrol, 73 e Ourense, 41.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza aumentan a 2.493 após notificar as autoridades sanitarias outra vítima mortal este domingo.

Este óbito corresponde a un home de 83 anos que faleceu este sábado 7 de agosto no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).