Soben a 84 os novos contaxios de Covid-19 e aumentan a 640 os casos activos

Un home sométese a un test de antíxenos no recinto feiral de Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A Galiza chega ao final da primeira semana do mes de novembro cun novo incremento dos contaxios da Covid-19 até os 84 e unha subida dos casos activos que se sitúan nos 640, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus descenden a 32 -dous menos-. A taxa de postividade mantense nun 3,5%.

Segundo os datos actualizados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta, continúan seis persoas ingresadas en UCI pola Covid, mentres que baixan a 26 as hospitalizadas noutras unidades -dúas menos- e 608 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria alíviase nas de Ourense, que segue cun paciente Covid en UCI e conta con oito noutras unidades -un menos-, e na de Vigo, que mantén un ingresado en críticos e dous noutras unidades -un menos-.

Nas outras cinco áreas sanitarias non se rexistran cambios nos pacientes hospitalizados por este coronavirus. Así, a da Coruña e Cee mantense con un en UCI e oito noutras unidades; e a de Santiago e Barbanza segue con un en críticos e tres en planta.

Polo seu lado, as de Lugo e Ferrol continúan cun paciente Covid en UCI e dúas noutras unidades; e a de Pontevedra e O Salnés segue como a única na Galiza sen críticos e cun ingresado en planta.

Novo ascenso de casos

Por quinta xornada consecutiva os casos activos increméntanse e ascenden a 640 na Galiza, que constitúen 59 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (84) que altas (25).

As infeccións activas ascenden nas sete áreas sanitarias, coa de Ourense á cabeza (+24), seguida de Vigo (+10), Santiago e Barbanza (+8), A Coruña e Cee (+5), Lugo (+4), Ferrol (+4) e Pontevedra e O Salnés (+4).

Por tanto, a área de Ourense colócase á cabeza con 162 casos activos, seguida da da Coruña e Cee, con 157; Vigo, con 91; Santiago e Barbanza, con 63; Pontevedra e O Salnés, con 59; e a cola mantéñense Lugo e Ferrol, con 54 en cada caso.

Máis contaxios

Pola súa banda, os novos contaxios da Covid-19 aumentan até os 84, que supoñen sete máis que os 77 da xornada anterior. Até a data, a segunda feira 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que a Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

Nas últimas 24 horas confirmáronse 86 positivos por Proba Diagnóstica de Infección Activa, deles 25 na área de Ourense, 14 na de Vigo, 12 na da Coruña e Cee, 12 na de Santiago e Barbanza, 10 na de Pontevedra e O Salnés, sete na de Ferrol e seis na de Lugo.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- mantense nun 3,5%, como a xornada pasada, após baixar ao 0,67% a cuarta feira e situarse no 0,96% a terza, e o 1,9% da segunda.

Polo seu lado, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia no conxunto de Galiza mantéñense en 2.653, ao non notificar na quinta feira a Consellería de Sanidade ningunha vítima por segunda xornada consecutiva.