Sober mobilízase contra os recortes educativos da Xunta da Galiza

Concentración diante do Concello de Sober na sexta feira polos recortes educativos. (Foto: Nós Diario)

As protestas polos recortes educativos continúan. Onte, a veciñanza de Sober (comarca de Lemos) concentrouse diante da Casa do Concello da localidade para expresar o seu rexeitamento á Consellaría de Educación.

As semanas previas ao comezo do curso escolar están marcadas polas protestas. Así, en días pasados saíron á rúa para protestar contra os recortes educativos en localidades como Touro (comarca de Arzúa), A Pobra do Brollón (Terra de Lemos) ou Rianxo (comarca do Barbanza).

As protestas chegaron a sexta feira a Sober (comarca de Lemos). A mobilización, convocada pola ANPA do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober, contou coa presenza de ducias de pais e nais e a participación do alcalde do concello, o popular Luis Fernández, e a concelleira de Interior Galego Vivo, Paula Verao.

As nais e pais, nun comunicado que leron ao remate da concentración, sinalaron que “queremos trasladar o noso malestar polos recortes que está levando a cabo a Consellaría de Educación de cara ao vindeiro curso 2024/2025 que a próxima semana comeza”.

O colectivo entende que os recortes aprobados pola Xunta da Galiza “suporán un atentado contra o dereito á educación no rural dos nosos nenos e nenas, impedíndolle o acceso aos medios humanos e materiais que garanten unha ensinanza de calidade”.

A ANPA denunciou que “o incumprimento da baixada das ratios é totalmente incompatíbel coa redución das horas de atención educativa dos mestres e mestras nos centros rurais”.

A asociación reclamou “que ante a redución de horas se poñan a disposición do noso centro todos os medios necesarios para a correcta atención dos nosos nenos e nenas emendando así as terríbeis inxustizas, situación de abandono e desigualdade que levamos sufrindo nos últimos anos”.

‘Grandes carencias’

A entidade advertiu de “grandes carencias na atención das necesidades educativas, dende a falla de profesorado polo non desdobre dos cursos que o precisan, así como as horas das que dispón tanto a orientadora como o persoal de pedagoxía terapéutica que está compartido con outros centros”