Sogama aproba a suba do seu canon a un importe medio de 66 euros por tonelada

Planta de reciclaxe de Sogama. (Foto: Sogama).

A Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático debe agora ratificar este incremento, previo informe do departamento de Facenda.

O consello de administración da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) aprobou esta cuarta feira a suba do seu canon, que queda fixado nun importe medio de 66 euros por tonelada tratada nas súas instalacións. Fíxoo a pesar da oposición presentada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que cifrou o custo desta suba en 9,1 millóns de euros para os concellos da Galiza.

A Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou nun comunicado que esta actualización do que pagan os concellos por asumir a xestión e o tratamento dos residuos responde a decisións do Goberno estatal "que están a ter un grande impacto económico no custo do servizo".

A pesar disto, a Xunta da Galiza dixo que transferirá nos próximos días 9 millóns de euros ás 295 entidades locais que están adheridas a Sogama co fin de minimizar o impacto da medida.

En concreto, acordouse que o importe medio a pagar sexa de 66 euros por tonelada, descontando xa a achega do Executivo galego a través dun fondo de cooperación adicional, que sería de 12 euros por tonelada.

A empresa pública indicou o consello de administración que, mesmo despois desta subida, o canon seguirá sendo "o máis barato” do Estado español en comparación co resto de plantas de tratamento de residuos municipais da súa mesma tipoloxía.

Agora, Sogama enviará o acordo á Consellaría, que, previo informe do departamento de Facenda, procederá a aprobar o novo canon deste ano.

A Xunta insistiu en que a compañía asumiu en 2023 un encarecemento do seu servizo calculado nuns 21,9 millóns de euros debido á entrada en vigor do novo imposto estatal á vertedura e á incineración, así como á recuperación do imposto do valor da enerxía eléctrica e á eliminación da retribución que percibía polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica.

Con todo, desde a Fegamp insistiron en que a suba do canon de Sogama suporá un custo de 9,1 millóns para os concellos e un beneficio de 12,1 millóns para o Executivo galego.