A soidade non desexada afecta 20% da poboación galega, moza e residente en contornas urbanas

A soidade non desexada afecta na Galiza principalmente a persoas de entre 18 e 34 anos. (Foto qunica.com)
A mocidade que vive en grandes cidades é a máis prexudicada

A soidade non desexada afecta 19,8 % dos galegos e das galegas e perto da metade di que agora mesmo ou nalgún momento sentiuse só. Así o reflicte o Barómetro da Soedade non Desexada na Galiza, impulsado pola Fundación AXA e a Fundación ONCE. O estudo presentouse onte en Vigo e foi elaborado a partir de 400 enquisas.

O resultado sinala que dous de cada tres galegos e galegas levan máis de dous anos en situación de soidade non desexada. O informe asegura que esta situación afecta na Galiza principalmente a persoas de entre 18 e 34 anos (en 35,5 % dos casos) e tamén a maiores de 55 anos (19,9%) e na faixa de idade entre 35 e 54 é de 12%. Desde o punto de vista das relacións sociais, máis de 40% da poboación en situación de soidade non desexada ten menos relación ou de peor calidade das que desexaría e 22,6% ten relación "mala ou regular" coa súa familia. 

O barómetro amosa tamén que a porcentaxe de soidade é maior entre quen se comunica principalmente por medios dixitais. De feito, 88,7% das persoas enquisadas recoñece que as redes sociais illan a xente, aínda que moitas non botan a culpa ás redes sociais de ter menos encontros presenciais.

Estudos, traballo e saúde

Segundo os datos deste estudo, hai maior soidade non desexada entre quen carece de estudos superiores, nun 22,7%, tamén é máis frecuente entre os desempregados e aos que lle custa máis chegar a fin de mes. O barómetro sinala que 37,8% das persoas que se senten soas din ter mala saúde e 29,6% problemas de saúde mental.

O estudo di que a soidade non desexada afecta máis a persoas que viven en poboacións de máis de 50.000 habitantes (28,2%), seguidas polos municipios de menos de 10.000 habitantes (18,8%). A maioría das enquisadas pensan que a Xunta debería facer máis para paliar a súa situación.