Oposición ao traslado da escola Santa Marta de Vigo, que desaparecerá pola reurbanización do Barrio do Cura

Representantes da federación ante a sede da entidade. (Foto: Europa Press)

Distintos colectivos como a Federación de Anpas ou o BNG rexeitan a decisión da equipa de Abel Caballero, que está vinculada ás obras de reurbanización do Barrio do Cura. No entanto, o que comezou como un rumor semella xa confirmado sen que haxa plans de volver atrás.

A Escola Infantil Municipal Santa Marta, en Vigo, desaparecerá do casco antigo da cidade nun futuro próximo. O que comezou sendo un rumor parece xa totalmente confirmado, pois o Goberno local pretende derrubar o edificio que ocupa o colexio no plan para reurbanizar o Barrio do Cura.

Tanto a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (Foanpas) coma o BNG amosan a súa oposición ao traslado das crianzas a outro centro. Levan varias semanas protestando, na orixe para que a equipa de Abel Caballero explicase se os rumores eran certos e logo para exixir que se traballe na procura dunha alternativa á desaparición desta infraestrutura do casco histórico.

De feito, membros do colectivo convocaron unha manifestación para protestar pola situación de inestabilidade e incerteza na que se atopan as nais e pais do alumnado da escola. “Non se pode fechar a escola sin abrir outra”, destacou a presidenta da Foanpas, Iria Salvande.

Néganse, por tanto, a que as e os nenos que asisten á Santa Marta sexan reorganizados en distintas escolas infantís por todo Vigo. Igualmente, hai preocupación entre o cadro de persoal da escola polo seu futuro laboral.

Sen alternativas "viábeis"

Pola súa parte, a formación nacionalista chegou a pedir un informe ao Executivo municipal a través do concelleiro Xabier P. Igrexas, pois quere saber o motivo e as condicións do traslado das e dos alumnos a outra escola o próximo curso. Desde o punto de vista do edil, o máis importante é que as crianzas estean nas mellores condicións e no pasado existía un compromiso de Caballero “de que non ía haber traslado até contar cunha nova escola”.

No entanto, non hai noticias da nova infraestrutura pero o movemento para o próximo curso soa con forza. En todo caso considérase que a escola debe estar no Casco Vello e ofertar maior número de prazas. “Este curso houbo 114 solicitudes de praza nesta escola infantil e só 45 crianzas a lograron. Seis de cada dez quedaron fóra”, destaca Igrexas, que incide na necesidade de que o centro quede onde está até que non haxa alternativa “viábel e axeitada”.

“É claro que a primeira opción do Goberno local era fechar, tal e como deixa patente que o concelleiro de Educación, Gorka Gómez, lle trasladase ao persoal da escola que non se facía cargo do seu futuro e que non se ía prorrogar a actual concesión nin licitar unha nova”, lamenta o concelleiro, que non considera aceptábel que a escola pase a estar no complexo do Ramón y Cajal.

Se esa é a opción que chega ao final considerará que a “xestión” do asunto foi “nefasta e improvisada”. Porén, reitera: “Abel Caballero non é perito, e cómpre lembrar que esta escola mantivo a súa actividade mentres no Barrio do Cura se realizaban demolicións e movementos de terra, sen que daquela supuxesen para o Goberno local un problema de seguridade”.