Solidariedade do comité da CRTVG cos medios públicos cataláns e contra o artigo 155

Imaxe dun protesto de traballadores CRTVG contra a manipulación informativa

Consideran a “toma de control” de TV·e Catalunya Radio unha “intolerable intervención totalitaria”

O Comité Intercentros da Corporación de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG)  manifesta publicamente a través dun comunicado a súa solidariedade cos traballadores da Corporación Catalana de Mitjans Audiovisuals (CCMA), TV3 e Catalunya Ràdio, “que veñen de expoñer o seu rexeitamento á toma de control por parte do Goberno do estado dos medios de comunicación públicos cataláns coa aplicación do artigo 155 da Constitución española”.

 

A representación dos traballadores e traballadoras da TVG e da Radio Galega partilla os criterios dos consellos profesionais dos medios públicos de Catalunya e do comité de empresa de TV3, que consideran que a aplicación do 155 supón un “ataque directo, indigno e impúdico á liberdade de expresión, de información e de prensa”. Os medios públicos cataláns son ademais, lembran, unha garantía de respecto á diversidade cultural e lingüística, valores e dereitos fundamentais que con esta intervención estatal vanse ver seriamente ameazados.

 

A toma de control da CCMA e da Agència Catalana de Noticies aprobada pola Consello de Ministros supón unha “intolerable intervención totalitaria” que cuestiona a profesionalidade das traballadoras e traballadores de TV3 e Catalunya Rádio, e non garante, como se argumenta, o dereito a unha información veraz e plural, como demostra a manipulación informativa sistemáticamente denunciada noutros medios de comunicación públicos controlados polos gobernos do Partido Popular.