Solidariedade galega con Euskal Herría perante a detención de 18 integrantes de Herrira

[Imaxe: Amaía]

A organización nacionalista Galiza Nova emitiu un comunicado de imprensa en que cualifica a operación policial ordenada pola Audiencia Nacional española como "un claro exemplo do mantemento de dinámicas de guerra en tempos de paz". Aliás, ducias de persoas secundaron a concentración convocada en Compostela polo colectivo antirrepresivo Silveira.


"Un claro exemplo do mantemento de dinámicas de guerra en tempos de paz", o reflexo dunha actitude "contraria á resolución do conflito político vasco" por parte do Estado español e "a vontade de criminalizar" o movemento cidadán polos dereitos dos e das presas políticas vascas.

Son as tres cuestións que se agochan detrás da orde de detención ditada esta segunda feira pola Audiencia Nacional española contra 18 integrantes do colectivo solidario vasco Herrira. Así o defende a organización nacionalista xuvenil Galiza Nova nun comunicado de imprensa en que transladan a súa solidariedade coas persoas que foron presas, así como a denuncia da "vaga de represión" que seguíu ás detencións e que se saldou con identificacións e unha "brutal" carga policial da Ertzaintza.

Aliás, foron ducias de persoas as que secundaron en Compostela a concentración convocada para esta terza feira, 1 de outubro, polo colectivo antirrepresivo Silveira, creado recentemente para aglutinar todas as denuncias "e actuacións pertinentes en contra da represión". Nun breve comunicado denunciaron o acontecido en Euskal Herria, recordaron que "a criminalización dos movementos sociais non é allea" á Galiza e concentráronse na Praza do Pan para pedir a liberdade dos e das detidas porque, segundo se lía na súa faixa, "a solidariedade non é terrorismo".