O DEBATE | Son axeitadas as propostas do Sergas para este verán na Atención Primaria?

Oposicións do Sergas nunha convocatoria de 2020. (Foto: Xunta)
A falta de persoal na Atención Primaria agrávase no verán. A directora de Recursos Humanos do Sergas, Mar Pousa, e o secretario da CIG-Saúde, Manuel Moreira, debaten sobre a situación.

Asistencia sanitaria de calidade, garantida tamén no verán

Mar Pousa, directora xeral de Recursos Humanos do Sergas

Galicia ten un sistema sanitario sólido, sostido con máis orzamentos e máis profesionais ca nunca. Con todo, como cada ano por estas datas, desde a Administración autonómica, a través da Consellería de Sanidade planificamos os recursos en Atención Primaria necesarios para garantirlle aos galegos unha prestación sanitaria de calidade tamén durante a época estival.

Esa planificación recolle, como é habitual, medidas ordinarias de organización dos profesionais. Desde as xerencias das sete áreas sanitarias que conforman o Servizo Galego de Saúde ordénanse racionalmente as vacacións e organízanse as coberturas e reforzos, alí onde se consideran máis necesarios.

O certo é que a escaseza de profesionais sanitarios e a falta de adopción de medidas por parte do Ministerio de Sanidade que axuden a paliar esta situación, pese á solicitude reiterada realizada desde as comunidades, fai que a Atención Primaria sexa un nivel asistencial que sufre con especial dureza o problema estrutural de falta de profesionais, principalmente médicos de familia e pediatras.

Esta falta de planificación do Ministerio fai que a cobertura este verán se prevea, xa que logo, máis complexa ca en anos anteriores, en boa parte, porque os MIR de 4º curso non rematarán a súa formación ata setembro, derivado da pandemia, o que impide que poidan ser contratados.

Fronte ao desinterese do Ministerio por facilitar o marco lexislativo para que as comunidades poidan contratar profesionais, desde a Consellería vimos de aprobar un ambicioso plan que nos permita garantir a asistencia este verán.

Trátase dunha planificación para a que reservamos 12,5 millóns de euros e que recolle medidas concretas e flexibles que nos van permitir compaxinar as vacacións e o merecido descanso dos profesionais coa garantía de atención sanitaria aos galegos.

O Consello da Xunta aprobou este luns o plan que recolle esas medidas ordinarias, ademais de catro extraordinarias: a creación dunha bolsa de voluntarios para reforzar os PAC, probada en anos anteriores nalgunha área con éxito; un programa de apoio por parte do persoal do 061; mobilidade temporal voluntaria dos profesionais; e encomenda de funcións aos médicos residentes no seu último curso de formación.

Ofrecémoslle aos MIR de cuarto curso a posibilidade de que poidan axudar na cobertura do verán, atendendo unha consulta ordinaria nun centro de saúde, con prolongacións de xornada para a cobertura de ausencias, realizando gardas nos puntos de atención continuada ou ben realizando servizos de urxencias hospitalaria.

Estamos a poñer todos os medios ao noso alcance para que os galegos teñan unha asistencia sanitaria de calidade

Trátase dunha medida voluntaria, incentivada (economicamente e con puntuación para a súa carreira profesional) e baixo supervisión. Esta posibilidade está recollida no propio plan formativo dos médicos residentes e foi avalada polo Ministerio de Sanidade, que aclarou por escrito o que xa viñamos dicindo desde o Servizo Galego de Saúde: que o modelo galego de reforzo do verán con médicos residentes de 4º curso é unha medida prevista, válida e plenamente legal.

En definitiva, como non podía ser doutro xeito, cumprimos estritamente os criterios que establece a normativa en relación á formación dos nosos profesionais médicos; fixemos os deberes e estamos a poñer todos os medios ao noso alcance para que os galegos teñan unha asistencia sanitaria de calidade, tamén na época con maior complexidade de cobertura, o verán.

Porén seguimos agardando a que o Ministerio axude cumprindo coa súa responsabilidade, que é facilitar o marco xurídico para que haxa máis médicos que as comunidades poidamos contratar.


A Atención Primaria non precisa de máis parches

Manuel Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde

O documento presentado na Mesa Sectorial do 17 de xuño do Plan de Cobertura de Atención primaria no verán de 2024 renuncia a actuar sobre as causas que xeran o problema de cobertura de prazas na Atención Primaria. Incide na liña de facer traballar máis as persoas que quedan no sistema e pretende acurtar a formación do persoal residente.

Os problemas de cobertura na Atención Primaria teñen que ver, no verán e no resto do ano, coas condicións de traballo ás que están sometidas as persoas que alí traballan. Para mudar esta situación é fundamental facer atractivo o traballo na Atención Primaria e isto so é posíbel mellorando as condicións de traballo.

O problema vai máis alá de substituír ausencias nas vacacións

Por isto o problema da Atención Primaria vai máis alá da necesidade de substituír ausencias nos períodos de vacacións, xa que partimos de cadros de persoal minguados pola existencia de prazas baleiras, pola incidencia de baixas laborais relacionadas coas condicións de sobrecarga asistencial e coa renuncia da Administración sanitaria á planificación das necesidades reais de profesionais no conxunto da Atención Primaria.

Un verdadeiro plan de cobertura do verán para Atención Primaria precisa de algo máis que repetir medidas xa experimentadas e que teñen demostrado que non solucionan os problemas de falta de cobertura asistencial na medicina de familia, na pediatría e, en menor medida, na enfermaría.

A CIG-Saúde ten reclamado da Administración sanitaria a elaboración dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria que, de terse desenvolvido, xa se tería feita a análise da situación da Atención Primaria, definido as necesidades de profesionais e posto en marcha as medidas incentivadoras necesarias para garantir a cobertura dos cadros de persoal e mellorar as condicións de traballo.

Diante da información de que a Consellaría de Sanidade pretendía incorporar no “Plan de Cobertura” que o persoal residente, tres meses antes de rematar a súa formación, substituíse no verán o persoal ausente, na Mesa Sectorial do 31 de maio a CIG-Saúde esixiu que se negociase unha instrución, regulando a supervisión, as condicións de traballo, responsabilidades,  retribucións e como se ían valorar eses servizos prestados nos distintos procesos de selección. Uns días despois vemos como o Consello de Dirección do Servizo Galego de Saúde fai público o acordo do 5 de xuño, sen negociación previa na Mesa Sectorial, que recolle modificacións das condicións laborais e retributivas do persoal residente.

No acordo non queda claro que profesionais asumirán a supervisión nos ámbitos onde se desenvolva o traballo dos residentes como especialistas, con que tipo de nomeamento e en que condicións o farán nin como se garante que haberá sempre, no centro, unha persoa que exerza esa supervisión. Sabemos, iso si, que non serán bombeiros... xa nolo aclarou o conselleiro.

Esta falta de claridade na supervisión é unha das debilidades máis importantes do acordo, que recolle tamén que cada xerencia pode negociar individualmente cos residentes e ofrecerlles, ou non, un compromiso de vinculación cando rematen a súa formación. Esta negociación individual abre a porta a discriminación de profesionais e a competencia entre xerencias para captar aos novos especialistas, competindo unhas con outras, sen ter unha visión global das necesidades da nosa sanidade pública.

A CIG-Saúde esixe que se respecte o programa de formación de residentes, que se retire este acordo de encomenda de funcións e que se desenvolva un verdadeiro Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria.