Estas son as datas e os colectivos albo da campaña de vacinación contra os virus respiratorios que comeza na Galiza

A campaña da gripe e a Covid comeza este 23 de setembro. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
A estratexia deste ano, que se pon en marcha a vindeira segunda feira, incorpora unha vacina intranasal contra a gripe para as crianzas de entre dous e cinco anos.

A Galiza comezará esta segunda feira 23 de setembro a campaña de vacinación para protexer aos colectivos máis vulnerábeis contra a gripe e a Covid-19. Así, o Sergas iniciará esta estratexia de dobre vacinación nas residencias de maiores e centros de discapacidade, así como a aplicación dunha inxección a bebés para previr o virus respiratorio sincitial (VRS), que pode orixinar a bronquiolitis.

Covid

Con respecto á dobre vacinación de Covid e gripe, a partir do 7 de outubro continuará para as persoas con mobilidade reducida, do 14 de outubro en diante será a quenda do persoal sanitario, das persoas en situación de inmunosupresión e dos maiores de 80 anos.

Finalmente, a partir do 26 de outubro recibirán a dobre vacinación os grandes dependentes menores de 80 anos, as embarazadas, os grupos de risco e o resto da poboación albo.

Gripe

De forma paralela a esta campaña, desenvolverase a da gripe, que tamén é estacional e cuxa poboación diana son as crianzas de 6 a 59 meses (case cinco anos), os e as estudantes de centros sanitarios e sociosanitarios, o persoal dos centros de educación infantil e o persoal con exposición laboral directa a animais ou ás súas secrecións.

Ademais, a vacinación da gripe tamén inclúe os fumadores, as persoas con enfermidade celíaca e as persoas con fístula de líquido cefalorraquídeo e implante coclear ou á espera deste, xa que teñen maior risco de complicacións desta enfermidade.

Novidades da campaña 2024

Como principal novidade desta campaña que deu a coñecer esta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destaca a incorporación dunha vacina intranasal contra a gripe para as crianzas de entre dous e cinco anos.

Ademais, este ano tamén se vacinará contra a gripe o persoal dos centros de educación infantil nos que haxa nenos e nenas de até cinco anos. Así mesmo, vacinaranse os coidadores daquelas persoas inmobilizadas nas súas casas e que non poden desprazarse até os seus centros sanitarios.

Menos casos, menos graves

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, explicou que o obxectivo principal da campaña é diminuír o número e a gravidade das complicacións da gripe e da Covid, "tentando minimizar o impacto na saúde mediante a súa prevención".

Así mesmo, incidiu nas "altas taxas de vacinación" na Galiza en todos os grupos de idade, tanto de gripe como de Covid con respecto ao resto do Estado español.

Neste sentido, lembrou que continuará o ensaio clínico 'GalFlu' que durante o ano pasado captou 60.000 participantes e cuxo obxectivo é comprobar se a vacina de alta carga da gripe, que se emprega en maiores de 80 anos, é beneficiosa para as persoas de entre 65 e 79 anos.

Puntos de vacinación

Por outra banda, a vacinación contra a Covid e a gripe desenvolverase en varios puntos até o 31 de decembro: residencias de maiores, centros de discapacidade, hospitais públicos, grandes recintos e centros de Atención Primaria.

Con todo, a vacinación exclusiva contra a gripe desenvolverase nos puntos de vacinación habituais e comezará a partir do 7 de outubro, coas crianzas de 6 a 59 meses, con patoloxías de risco e con aquelas persoas inmobilizadas e os seus coidadores.

A partir do 14 de outubro será a quenda das persoas de máis de 80 anos, co persoal sanitario, de farmacia e de emerxencias, así como coas persoas institucionalizadas e en situación de inmunosupresión. As persoas de 70 a 79 anos poderanse vacinar a partir do 28 de outubro e as de 60 e menores de 60, con patoloxías de risco, embarazadas, o persoal de servizos esenciais e con exposición laboral farano a partir do 11 de novembro.

Finalmente, as conviventes con persoas de risco e o resto da poboación diana poderán acceder á vacina da gripe a partir do 18 de novembro.

Virus VRS en bebés

Con respecto ao virus respiratorio sincitial, a directora xeral detallou que na campaña anterior alcanzouse unha porcentaxe de inmunización global "superior a 95%" e asegurou que esta iniciativa supuxo reducir nun 90% os ingresos por VRS.

A vacinación contra o VRS tamén comeza o 23 de setembro e estenderase até o 31 de marzo de 2025. Os nados durante a campaña de inmunización, os menores de seis meses e determinados grupos risco son os bebés que deben inmunizarse contra a enfermidade.

Deste xeito, os nados durante a campaña recibirán a inmunización no hospital após o nacemento, os bebés nados desde o 1 de abril serán citados a partir do 30 de setembro e os prematuros e lactantes con alto risco de enfermidade grave por VRS serán citados ao comezo da campaña.