Son eficaces as políticas da Xunta contra os incendios forestais?

Efectivos da Xunta combatendo un incendio en Baleira, na comarca da Fonsagrada, en 2023. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

 A tempada estival eleva o risco de incendios forestais. Alberte Blanco e Angel Rodríguez debaten sobre a política contra o lume da Xunta da Galiza. Coordina Xacobe Ferreiro

Galicia, referente na loita contra os incendios forestais

Angel Rodríguez Conde. Bombeiro forestal e parlamentario do PP

A superficie forestal en España ocupa aproximadamente 26 millóns hectáreas, das que dous millóns corresponden á comunidade autónoma de Galicia, é dicir, un 7,7% do total. Fronte a este dato de superficie relativamente pequena, a problemática dos incendios forestais en Galicia segue a ser moi relevante se a comparamos co total nacional, xa que representan a cuarta parte de media do total de incendios forestais que se rexistran en España.

Porén, cómpre recoñecer a evolución recente en positivo. Ao longo das últimas tres décadas, os incendios en Galicia pasaron de medias anuais de 10.000 incendios nos anos noventa, aos 3.000 anuais de media na última década, e incluso menos de 2.000 nos últimos cinco anos. Esta diminución é froito dunha aposta decidida do Goberno autonómico en canto á mellora de medios humanos, materiais e tecnolóxicos, actualizada ano tras ano no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (o coñecido Pladiga), que establece como obxectivo que, como mínimo, o 70% dos lumes queden en conatos (incendios de superficie inferior a una hectárea).

Aínda que o número de incendios diminúe, e a capacidade de resposta cando se detecta un é cada vez máis rápida, observamos como se presentan con maior frecuencia eventos meteorolóxicos desfavorables ligados a ondeadas incendiarias que supoñen graves perigos para as poboacións do medio rural. Isto é especialmente relevante nunha comunidade como a galega, cunha elevada dispersión da poboación, con incendios forestais máis complexos de extinguir e en condicións de maior risco. Podemos destacar algunhas características particulares:

—Episodios de alta simultaneidade recorrentes, tamén de grandes incendios forestais.

—Alto crecemento da vexetación, que xera grandes acumulacións de biomasa e recorrencia alta de incendios na mesma zona.

—Galicia ten a metade dos núcleos de poboación de España, co que a posibilidade de afectación á interface é moi alta.

—Rexión moi heteroxénea desde o punto de vista climático, cun clima tendente ao mediterráneo en Ourense, así como atlántico na costa oeste e na costa norte.

Este contexto reforza a necesidade de continuar coa xestión preventiva do territorio, un traballo que reúne a todas as administracións e a toda a cidadanía en xeral, posto que cómpre lembrar que o 98% do monte está en mans privadas. A concienciación da poboación, a investigación dos lumes, e por suposto as sucesivas melloras nos diferentes recursos e operativa de defensa contra os incendios forestais son elementos fundamentais para garantir o éxito desta loita conxunta contra o lume.

Entre outras moitas medidas adoptadas cara aos novos escenarios, e que permitan xestionar este reto de grandes manobras de extinción, cómpre lembrar que en 2022 se deseñou o Sistema Estrutural de Mando Operativo (Semop), no que se facía unha adaptación do Sistema de Manexo de  Emerxencias á realidade galega. A súa principal característica é un deseño comparativamente máis sinxelo que o elaborado por outros dispositivos para poder dar resposta ás situacións de simultaneidade, pero con capacidade de aumentar modularmente se o incendio o require.

A este sistema poderiamos sumar a aposta decidida por novos equipamentos e, sobre todo, o deseño e implantación dun ambicioso programa de formación e adestramento do dispositivo cara ao escenario cambiante descrito. Conxuntamente coas achegas tecnolóxicas e de novos medios, podemos dicir que o Servizo galego de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), do que me honra formar parte, é unha referencia a nivel nacional e internacional. Un orgullo para un servizo creado hai xa 35 anos, e do que agardamos que a sociedade galega se sinta tamén orgullosa.


Lumes e desenvolvemento

Alberte Blanco Casal. Foi director xeral de Montes entre 2006 e 2009

Nun país con máis das dúas terceiras partes de monte e cun rural onde o abandono de superficie agraria está en niveis críticos, multiplicando o combustíbel de biomasa de forma espectacular arredor de miles de núcleos, considerar a loita contra o lume como algo estritamente sectorial sería un grave erro.

Cando, alá por 2006, nos tempos de Suárez Canal, comezou a cambiar a política do medio rural, a mellorar o dispositivo contra incendios e a implicar a labregos, gandeiros, entidades e colectivos no desenvolvemento agrario, na organización do territorio e na xestión da biomasa, as cousas foron mellorando de forma notábel. O número de incendios e superficie queimada reduciuse de forma considerábel. A armadura legal que permitiu ese avance foi a Lei de defensa contra incendios 3/2007. Pero o cambio climático foi incrementando os grandes incendios, especialmente no sur de Galiza (Ourense acaparou 61% nos últimos dez anos), ao tempo que o PP desmantelaba aspectos chave da lei.

De seguir coas políticas que se puxeron en marcha naquela altura, as cousas estarían moito mellor na actualidade. Pero dende 2009 o PP derrogou a ordenación preventiva e as UXFOR, un instrumento de primeiro nivel para explotación multifuncional do monte, que limitaba o minifundismo e o abandono dos terreos agroforestais, constituíndo unha ferramenta esencial para o combate do lume e o desenvolvemento rural. De igual maneira, ao derrogar a regulación das repoboacións forestais e o concepto de paisaxe en mosaico para a xestión de biomasa (con distinta inflamabilidade e combustibilidade), incrementou os riscos de forma irresponsábel. O mesmo que fixo coa recuperación das brigadas municipais para extinción (40% dos efectivos totais do dispositivo xeral), outra medida de retroceso que lastra a posibilidade dun servizo contra incendios profesional, eficaz e seguro.

Se afirmo que se perderon quince anos de avance no modelo de desenvolvemento rural sustentábel non é por arrebato partidista. O propio PP pareceu darse conta da súa desfeita ao promover dende hai uns poucos anos toda unha serie de cambios intentando recuperar algúns dos aspectos derrogados que citei antes. O problema é que algunhas desas medidas chegan tarde e mal. Por exemplo, non se pode declarar a intención de recuperar a paisaxe en mosaico e manter o monocultivo de eucalipto. Coa lei de recuperación de terras introducíronse as aldeas modelo, pero un perímetro de 700 hectáreas xestionadas en toda Galiza non poden considerarse un éxito. O mesmo pasa cos polígonos agroforestais, apenas 30 polígonos en tres anos. O problema para a realización práctica deste modelo é que necesita dun apoio dun 70% dos propietarios ou de superficie, (fronte ao 50%+1 das UXFOR) unha tarefa complicada que frea as hipotéticas boas intencións da lei. O mesmo modelo que se persegue no anteproxecto da nova lei integral de defensa do monte.

Na xestión de biomasa, un aspecto básico da loita de prevención, os resultados son máis ben magros. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (Pladiga) sinala que hai convenios de colaboración cos concellos que abranguen 160.000 hectáreas, das que se inspeccionaron o 28%, cunha superficie realmente xestionada do 20% e coas execucións subsidiarias alargándose ata despois do verán, neutralizando o seu obxectivo principal. Cómpre un sistema máis áxil e eficaz Xunta-Concellos que permita a execución da maioría da superficie das faixas antes da tempada de alto risco.

Sen dúbida, hai que seguir mellorando o dispositivo de defensa do monte e as políticas de prevención, pero co abandono agrario existente ese enfoque é totalmente insuficiente se non vai acompañado por un plan estratéxico de reagrarización racional do país, potente, áxil e verificábel.