Mar

Estas son as propostas do sector do mar ante a crise produtiva: do control dos desencoros a buques especializados contra as verteduras

Comparecencia esta segunda feira de representantes do sector do mar e de colectivos sociais e ambientalistas. (Foto: PDRA)

As plataformas en defensa da ría de Arousa (PDRA) e da de Muros-Noia (Plademar) presentaron esta segunda feira un plan de actuación “para salvar os sectores tradicionais do mar da Galiza”. Nel contempla propostas como exención das cotas á Seguridade Social das mariscadoras mentres non se recupere a actividade ou instar a Organización Marítima Internacional  a que declare “zona altamente sensíbel” o Corredor de Fisterra.

Confrarías, mariscadoras, frota da baixura ou mexilloeiros das rías de Arousa e Muros-Noia dan un paso á fronte ante a situación da problemática de produción e ambientais en ambas as dúas rías galegas. Esta segunda feira presentaron en Carril (Vilagarcía de Arousa, comarca do Salnés) a súa proposta de plan de actuación para solucionar unha problemática que, lembran, representa “un perigo real de subsistencia” para moitas profesionais do mar.

Este Plan de actuación marca tres obxectivos: manter a totalidade dos postos de traballo, recuperación produtiva e ambiental das rías galegas e participación das plataformas e confrarías afectadas nos proxectos de actuación.

Catro son os ámbitos de actuación sobre os que versan as iniciativas que se propoñen desde o propio sector: medidas medioambientais, socioeconómicas, seguridade marítima e promoción dos produtos.

Medidas medioambientais

Demándase un plan plurianual de recuperación das rías, orzado por Xunta, Estado e Unión Europea; que permita a rexeneración dos bancos marisqueiros e o saneamento integral.

Tamén se pide un cambio na normativa que obrigue á regulación e publicidade do protocolo dos desencoros con datos en tempo real e demais información.  Un plan de actuación sobre os solos forestais tras os incendios que evite a chegada de terra e residuos do monte aos ríos e rías, un plan de actuación de Augas de Galicia para o control das verteduras a ríos e rías ou un plan de control sanitario das importacións de marisco son outras das propostas.

Medidas socioeconómicas

Pídese, mentres non se recupere a actividade, a exención de cotas da Seguridade Social por parte do Estado a todos os mariscadores e mariscadoras e tamén axudas directas do salario mínimo interprofesional (SMI).

Axudas directas ao sector do mexillón das perdas nas vendas de 2023 ou ás confrarías con actividade marisqueira para manter todos os postos de traballo neses pósitos son outras das propostas.

Seguridade marítima

“Un problema histórico das nosas costas e dos nosos recursos son as constantes ameazas do trafico marítimo internacional que transita polo Corredor (D.S.T.) de Fisterra”, afirman.

Así, as propostas neste apartado pasan por instar á Organización Marítima Internacional (OMI) a que declare como Zona Altamente Sensíbel o corredor de Fisterra; dotarse dun buque especializado con drons para a fiscalización do tráfico e a detección de verteduras; un sistema de oceanografía operacional único para as costas galegas que dea información directa á sociedade sobre a localización dos vertidos, en tempo real, e da modelización do seu posíbel percorrido; ou instar a O.M.I. que declare mercadorías perigosas os precursores plásticos en forma de pellet, escama ou pó.