Marcela Lagarde, antropóloga feminista

"Son tan crítica co matrimonio como coa prostitución"

[Imaxe: Uxía Castro] Marcela Lagarde

Antropóloga, académica e investigadora, Marcela Lagarde (Cidade de México, 1948) é unha das figuras con maior relevancia no feminismo. De feito, as súas obras sentaron as bases de conceptos como sororidade e acuñou o termo feminicidio. Desde o seu escano como deputada do Partido da Revolución Democrática, a estudosa marxista impulsou a Lei para o acceso das mulleres a unha vida libre de violencia. Aténdenos ao remate dun seminario de apoderamento das mulleres na contorna universitaria organizado na Facultade de Ciencias Políticas da USC pola rede Armela e a Oficina de Igualdade. Eis un extracto da entrevista publicada no número 323 de Sermos Galiza.

Cal é o seu posicionamento a respeito da prostitución?

 

Paréceme que está frivolizando co tema e é tan delicado que merecería que houbese unha convocatoria de diversa índole para que persoas que saiban sobre iso nos ilustren. Non estou de acordo en que a xente opine por que si que é un feito en liberdade. A min paréceme que non. Hai que recorrer á historia da prostitución en cada país para ver que se trata de que os homes compran por tempo determinado unha muller cousificada. Eu non estou de acordo con iso. Traballei toda a vida por lograr a humanidade das mulleres, non a cousificación das mulleres en ningunha das súas expresións e esta é unha delas. A prostitución é un fenómeno e o que eu estou dicindo non é unha descualificación ás mulleres que están en prostitución, estou formulando unha distancia ao fenómeno da prostitución, por certo, moi ligada ao matrimonio, en que os homes poden ser polígamos e esíxeselles ás mulleres a monogamia. A prostitución non vai soa. É todo un sistema de tráfico de mulleres e son tan crítica co matrimonio como coa prostitución, porque son institucións, ambas, de apropiación privada de seres que queremos ser libres e non podemos ser libres en sistemas de cousificación.

 

E vinculado a isto atópanse as definicións que vostede fai ao redor das mulleres cativas e cativadas.

 

Precisamente, nese libro [refírese a Los cautiveros de las mujeres: monjas, madresposas, putas, presas y locas] toco a prostitución e tamén o matrimonio, e analiceinos como un sistema integral. Eu quería ver nesa investigación xa non só estes fenómenos, senón que producen nas mulleres. Producen cativerios e verdadeiras prisións, unhas sen gaiola e outras con gaiola, en que viven moitísimas mulleres case escravizadas pero tamén ilusionadas –por iso digo cativadas– polo imaxinario de que os homes marabillosos se van ocupar das mulleres e non é así. Non é ese tipo de relación de protección e acompañamento, non a hai. Temos que dicir basta xa ao patriarcado e a ese tipo de homes e de relacións. Eu dedícome a erradicar a violencia e non podo estar de acordo co cativerio.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 323 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]