SOS Ourense mobilizarase contra a agresión de Xácome a unha sindicalista

Carautas empregadas na manifestación convocada por 'SOS Ourense' o pasado novembro de 2021. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
"Este alcalde non representa a sociedade ourensá nin é o interlocutor que esta precisa", subliña SOS Ourense.

A plataforma 'SOS Ourense', integrada por asociacións culturais, sociais e económicas da cidade, convocou no día de onte unha mobilización para esta quinta feira, 5 de maio, coa intención de que a veciñanza mostre a súa repulsa pola agresión do alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, a unha sindicalista de Comisións Obreiras (CCOO).

A concentración, que ten por lema 'Contra a vergoña, dignidade!', decorrerá ás 20.30 horas na Praza Maior de Ourense. Mesmo lugar onde, no día de onte, a sindicalista, que participaba na folga do transporte urbano da cidade, foi empurrada polo rexedor de Democracia Ourensá (DO).

"Chegamos tarde pero aínda podemos dar unha resposta colectiva para recuperar a dignidade da cidade de Ourense", afirma a plataforma nun comunicado.

Para 'SOS Ourense', a cidade "non pode permitir un minuto máis esta vergoña", e chama a "toda a veciñanza, a todos os colectivos e asociacións, aos sindicatos e partidos políticos a se manifestaren con contundencia, a elevar os decibelios da resposta cidadá e mandar parar".

Solidariedade coa agredida

No comunicado de convocatoria da mobilización, a plataforma da cidadanía de Ourense expresou a súa solidariedade coa sindicalistalista agredida, así como a repulsa da propia agresión.

"Este alcalde non representa a sociedade ourensá nin é o interlocutor que esta precisa", subliña SOS Ourense.

Para o colectivo, o Partido Popular (PP) de Ourense "debe cesar inmediatamente o seu apoio a unha persoa que brutaliza, violenta e agride ao conxunto da cidade". "A que prezo está disposto o Partido Popular a vender a pouca dignidade que lle queda?", preguntan desde a plataforma.

Neste sentido, SOS Ourense cualificou de "intolerábel" a agresión de Xácome e "que as forzas de orde locais en vez de protexer á vítima protexan ao agresor". "Non queremos compartir a vergoña con quen a consinte co seu silencio e complicidade", concluíu.