SOS Sanidade defende a dedicación exclusiva na pública e volve cargar contra o acordo "economicista" de CESM e Xunta

Concentración de SOS Sanidade Pública fronte ao centro de saúde Concepción Arenal de Santiago. (Foto: Europa Press)
A plataforma concéntrase en Santiago buscando recadar novos apoios para a ILP que se debaterá proximamente no Parlamento na defensa da Atención Primaria.

Integrantes da plataforma SOS Sanidade Pública concentráronse esta cuarta feira en Santiago, concretamente diante do centro de saúde Concepción Arenal, en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de reforzo na Atención Primaria que se debaterá o vindeiro mes no Parlamento galego. Criticaron, aliás, o acordo ao que chegou o sindicato CESM coa Xunta, sobre o que apuntaron que "vai en contra da sanidade pública" que defende a súa plataforma e que é "economicista".

En declaracións aos medios, o médico de atención primaria e membro de SOS Sanidade Pública, Manuel González Moreira, subliñou que a súa ILP "marca a liña para seguir", ao pedir "reforzar as carteiras de servizos dos profesionais e incorporar novos sanitarios". Así, indicou que "se as necesidades son crecentes, os profesionais tamén teñen que selo".

Desta maneira, sinalou que SOS Sanidade Pública defende "a dedicación exclusiva na sanidade pública como un valor importante" e este acordo "o que fai é terminar cun complemento que premia esa dedicación exclusiva". Nesta liña, manifestou que "non é concebíbel que xefes de servizo teñan logo práctica privada no mesmo ámbito", xa que "iso non é bo para a sanidade pública".

En canto ao outro acordo ao que se chegou na Mesa Sectorial de Sanidade, sinalou que serve para "mellorar as condicións de traballo" e insistiu en que "se necesitan máis sanitarios". Así, González Moreira remarcou que este acordo "vai na liña" do que defende SOS Sanidade Pública, pero que "non fecha a necesidade de máis melloras nin na Atención Primaria nin na Hospitalaria".

ILP de SOS Sanidade

A plataforma SOS Sanidade reclamou "ratios reais" e que "non haxa listas de espera na Atención Primaria", xa que "isto pode atrasar a diagnose precoz e estamos a pagar as consecuencias de que isto ocorrese na pandemia". Nesta liña, mencionou que "agora o importante son as enfermidades crónicas", debido a que co aumento da esperanza de vida "hai que dar calidade aos pacientes" que teñen este tipo de enfermidades.

Ademais, apuntou á importancia "facer fronte ao desafío da saúde mental desde a Primaria" e de "reforzar as áreas administrativas e da enfermaría". "Pedimos que a Atención Primaria teña os orzamentos que as organizacións internacionais recoñecen que son necesarios porque non son un gasto, son un investimento", explicou.

SOS Sanidade Pública tamén convocou concentracións para esta cuarta feira, que decorrerán na Coruña —Obelisco— ás 20 horas e no centro de Saúde de Baltar, en Sanxenxo, ás 19.30 horas.