O Sergas deriva 300.000 pacientes do hospital de Vigo a Santiago

[Imaxe: SOS Sanidade]

O dado facilitouno SOS Sanidade Pública, que convocou para o 13 de febreiro máis unha mobilización contra o desmantelamento da área sanitaria olívica. Sairá ás 20h desde a Praza de España. 


A plataforma SOS Sanidade Pública denuncia que o Sergas derivou 300.000 pacientes das áreas sanitarias de Pontevedra e do Salnés, que tiñan como referencia o hospital de Vigo. Pasarán a depender do hospital de Santiago.

Ao entender do colectivo, tal decisión exemplifica "o desmantelamento" do sistema público de saúde e desenmascara as intencións do PP de "favorecer o negocio" da construtora adxudicataria das obras do novo hospital de Vigo "ao facelo máis pequeno porque non terá que atender tanta xente" e beneficiando o hospital privado Povisa. 

"Mentres as demais áreas dispoñen dun hospital público, a de Vigo encamiñase a un novo hospital privatizado, recortado sobre o proxecto inicial, con insuficientes recursos profesionais e tecnolóxicos, como convén a Povisa, que parasita e chantaxea dende a súa apertura, hai décadas, a nosa sanidade pública coa complicidade da Xunta", denuncia SOS Sanidade no seu manifesto. 

Segundo explica a plataforma, a decisión de derivar 300.000 doentes a Compostela persegue "tres obxetivos políticos" que pasarían por perpetuar o concerto con Povisa, ao cal a Xunta destinará 75 millóns ao ano durante 11 anos; que non se constrúa o centro de alta resolución do Morrazo; e adaptar o tamaño e dotación do novo hospital aos recortes "para maximizar as ganancias das empresas privadas concesionarias".