SOS Sanidade ve "un fracaso rotundo" o acordo de Xunta e CESM: "Sempre reivindicamos a dedicación exclusiva"

Rolda de prensa de SOS Sanidade Pública, esta segunda feira, en Santiago. (Foto: Europa Press)
A plataforma chama á mobilización esta cuarta feira en máis dunha vintena de localidades para apoiar a iniciativa lexislativa popular na defensa da atención primaria que se debaterá o vindeiro mes no Parlamento.

"Un fracaso rotundo". Así cualifica a plataforma SOS Sanidade Pública o acordo alcanzando entre a Consellaría de Sanidade e a Conferencia Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, un acordo que puxo fin á folga convocada previamente con carácter indefinido. "Ao final foi un acordo salarial que só beneficia os profesionais médicos", lamentou o portavoz deste colectivo, o doutor Manuel Martín. Entre outras cuestións, explicou que están "en desacordo" con "acabar coa obrigatoriedade da dedicación exclusiva na sanidade pública", alén de "xeneralizar" o complemento "só aos médicos que xa traballaban na pública e na privada". "Estamos en contra. Sempre reivindicamos a dedicación exclusiva", insistiu.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta segunda feira no centro sociocultural de Fontiñas, en Santiago, Manuel Martín subliñou que o sindicato CESM "apoiouse" na mobilización social do pasado mes de febreiro —impulsada por SOS Sanidade— para "convocar de maneira unilateral unha folga de maneira oportunista".

Pola contra, reivindicou o acordo da mesa sectorial que "mellora as condicións laborais e salariais de todos os traballadores da atención sanitaria pública". "Hai unha diferenza importante", apuntou, antes de engadir que esa é unha proposta "para facer melloras a todo o persoal", mentres que os acordos coa CESM son "medidas de natureza moi corporativa".

Neste contexto, Manuel Martín tachou de "inaceptábel" a "falta de resposta" da Consellaría á "inmensa mobilización" que representa para a plataforma a iniciativa lexislativa popular para salvar e fortalecer a Atención Primaria, para a que recolleron 50.000 sinaturas, así como a manifestación do 12 de febreiro, na que "houbo máis de 50.000 persoas manifestándose na praza do Obradoiro".

"A resposta da Consellaría foi o menosprezo. O señor Rueda dixo que ía comer cocido a Lalín. Paréceme unha resposta inadecuada aos miles de galegos que se manifestaron", censurou. O portavoz da plataforma sinalou tamén que a ILP está "cada vez máis vixente", xa que a situación "segue igual" ou "mesmo pode considerarse que empeorou".

Concentracións o día 26

Por iso, lembrou que a vindeira cuarta feira, 26 de abril, hai convocadas mobilizacións en máis dunha vintena de localidades en apoio a esta Iniciativa Lexislativa Popular e "en contra da situación na Atención Primaria e do seu desmantelamento". Así mesmo, avanzou que o próximo 9 de maio concentraranse fronte ao Parlamento coincidindo co debate na Cámara galega da ILP.

"Son medidas factíbeis", sinalou, que poden porse en marcha "sen sobrecusto de gasto público": que a consulta sexa sempre presencial salvo que o paciente diga o contrario ou sexa unha consulta para aclarar unha dúbida ou que haxa coordinación entre os servizos de atención primaria e hospitalaria.

"Con estas medidas, pensadas e consensuadas, cremos que pode haber unha mellora. Son medidas que non van solucionar todo o problema que ten a primaria, que é un problema estrutural, de falta de persoal, de recursos e de mala organización. Temos un bo modelo, pero hai que melloralo e non desmantelalo", destacou.