SOS Sanidade Pública concentrarase hoxe na Coruña

Manifestación SOS Sanidade Pública
A Plataforma en defensa da Sanidade Pública convocou para hoxe unha protesta cidadá ás 12 horas diante do edificio do Sergas, na Coruña. O pago dos medicamentos e as ambulancias non urxentes polos pensionistas son algúns dos temas que denuncian no que denominan 'contrarreforma privatizadora'

Esta fin de semana entrou en vigor o RD 16/2012, cos recortes na Sanidade pública. A Plataforma SOS Sanidade Pública considera a entrada en vigor destas medidas como o inicio dunha “contrarreforma privatizadora” que pretende restrinxir a atención sanitaria a un conxunto limitado de prestacións sanitarias para favorecer seguros privados complementarios.

Considera a entrada en vigor destas medidas como o inicio dunha “contrarreforma privatizadora”

Desde esta Plataforma sinálanse os puntos que, a partir de agora, rebaixarán os dereitos da cidadanía con respecto a sanidade pública: o pago polos pensionistas de medicamentos, o aumento dos pagos das receitas os demais cidadáns con problemas de saúde, a exclusión do financiamento de medicamentos de amplo uso, o pago de servizos de ambulancias non urxentes, alimentos especiais, ou a exclusión do dereito ao atención a persoas inmigrantes explotadas na economía mergullada.

Concentración na Coruña
Desde a Plataforma consideran que “hai motivos abondo” para que a xente proteste contra estas medidas. Por iso convocaron unha concentración para hoxe ás 12 horas diante do edificio do Sergas (rúa Durán Loriga) na Coruña. SOS esixirá ao novo goberno que salga das próximas eleccións autonómicas en Galicia que anule a aplicación do RD 16/2012 como o fixo, ata agora, o Goberno do Pais Vasco.