Sanidade Pública

SOS Sanidade Pública exixe "responsabilidades políticas" e que se rescate para o público a concesión do Cunqueiro

Manuel González Moreira, no centro, este 20 de setembro en rolda de prensa. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

A Plataforma SOS Sanidade Pública da área de Vigo esixiu "responsabilidades políticas" aos culpábeis de elixir o modelo de concesión do Álvaro Cunqueiro de Vigo, reivindicando que se rescate para o público este centro hospitalario.

O portavoz da organización, Manuel González Moreira, lamentou en rolda de prensa, esta sexta feira, as "consecuencias directas para a cidadanía" que tivo a decisión de optar por unha concesión da infraestrutura e dos servizos non sanitarios.

Moreira destacou que isto supuxo obrigar a cidadanía, cos seus impostos, a pagar "470 millóns de euros de máis", polo que "non pode quedar impune". "Pedimos para esas persoas responsabilidades políticas", reivindicou, sen nomear directamente ningún alto cargo, insistindo en que ten que ser a sociedade a que tamén solicite isto para que "non poidan seguir en cargos públicos".

Un futuro hipotecado

"Parece evidente que as persoas que tomaron decisións políticas sobre o cambio de modelo de licitación hipotecaron a futuro da área Sanitaria de Vigo e esas persoas teñen que ter responsabilidades políticas", sentenciou.

González Moreira tratou de explicar que supuxo esa licitación, a través do informe do Consello de Contas, indicando que a construción do hospital trouxo consigo menos camas das que se proxectaron e menos metros cadrados. Ademais, non se levou a cabo unha reforma estrutural da Atención Primaria, a cal tamén estaba prevista, sinalou.

Por todo iso, o voceiro de SOS Sanidade Pública na área de Vigo lamentou as actuais listas de espera que "sofren" os cidadáns e a necesidade de seguir utilizando recursos privados para atender a pacientes, en referencia ao hospital Povisa.

Devolver ao público

Entre as medidas que solicita á Xunta da Galiza atópase a de reverter ao público a concesión e recuperar "o que non se fixo", para chegar aos obxectivos marcados de 1.265 camas no Cunqueiro.

Tamén subliñaron a necesidade de "pór a pleno rendemento" todas as posibilidades de hospitalización do Meixoeiro, lembrando que hai dúas plantas destinadas a iso, a coidados intermedios e estancias longas; así como o hospital Nicolás Peña.

SOS Sanidade Pública solicitou unha reunión co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para tratar de explicarlle as súas reivindicacións e pedirlle que nos orzamentos de 2025 inclúan unha partida para restituír estas cuestións.

Aínda que González Moreira recoñeceu que "non será cuestión dun ano", si sinalou que é importante que a Xunta "coñeza a posición" do colectivo para que saiba que se reclama.