Lecer

Ostras e viño de Amandi centran unha atractiva oferta gastronómica na fin de semana

Edicións pasadas da Festa da Ostra de Soutomaior a Feira do Viño de Amandi de Sober.
Soutomaior celebra a Festa da Ostra ao mesmo tempo que no corazón da Ribeira Sacra gozan do seu produto estrela.

Máis un ano, a veciñanza de Soutomaior (comarca de Pontevedra) prepárase para ofrecer ao público arredor de 120.000 unidades do seu produto gastronómico estrela: a ostra. Esta será xa a 35ª edición da popular Festa da Ostra e desde o Concello agardan a visita de "máis de 30.000 visitantes" procedentes de diferentes puntos da Galiza e Portugal. O cartaz está deseñado pola artista local Patrícia Duarte Suárez.

O evento deu o disparo de saída a pasada fin de semana con actividades centradas nas crianzas e esta sexta feira, día 31, dará paso ao público adulto coas actuacións no peirao de Arcade da Orquestra Assia, ás 22 horas, e DJ Groove Amigos, a partir das 2h da madrugada.

Xa o sábado chega o prato forte: as casetas de degustación da ostra abrirán contra as 12h do mediodía e, en horario nocturno —desde as 22.30h— amenizarán a festa as orquestras Olympus e París de Noia. A medianoite haberá fogos de artificio.

Finalmente, o domingo comezará cun pasarrúas da Banda Artística de Arcade e a Banda Cultural desta mesma localidade, desde a rúa do Calvario até o peirao. As ostras volverán estar dispoñíbeis desde as 11 horas, e ás 13h dará o pregón Lucía Veiga, presentadora do programa da TVG Malicia Noticias e gañadora do Premio Mestre Mateo á Mellor Actriz pola serie Rapa. A charanga 112 porá o ramo ás 18.30h.

Feira do Viño de Amandi de Sober

A uns 140 quilómetros de distancia, en Sober (Terra de Lemos) teñen unha cita todas as e os amantes do viño de Amandi na 43ª edición da popular feira que pon en valor este produto orixinario do corazón da Ribeira Sacra e cuxo cartaz conta este ano cun deseño do artista Daniel Camino Barral.

A Feira do Viño de Amandi chega tras un mes de marzo que, como vén sendo habitual, homenaxea este caldo de uva con diversos actos. Esta sexta feira dará comezo ás 20 horas da man dos responsábeis da adega A Frieira, cunha homenaxe ao falecido adegueiro Ramón Fernández. Media hora despois iniciarán os espectáculos cunha actuación de música tradicional que dará paso, ás 22.30h, á charanga Festicultores Troupe.

Os postos das adegas abrirán ás 11h do sábado e ao mediodía actuarán os Rechouchíos de Taboada. Contra as 17h será a quenda da precatadura oficial do certame, e logo actuarán a Banda de Música de Sober, a charanga Louband de Sarria e o grupo Gin Toni's.

O domingo, día grande da feira, comezará ás 10.45h cunha actuación da charanga NBA, seguida dun pasarrúas da Banda de Sober. As 11.30h chegará a catadura final de viños —con tres premios para tintos, un para brancos e outro para rosados—, ás 13h lerase o pregón e pola tarde rematarán a xornada a charanga NBA e a orquestra La Oca Band.