Soutomaior presume de idioma, historia e toponimia

Placa distintiva da rúa Lavandeira, antes e despois da súa restauración. (Foto: Nós Diario).
O Concello de Soutomaior está a restaurar as placas de pedra gravadas cos topónimos tradicionais do municipio, un xesto que fai memoria do primeiro alcalde en democracia da localidade e do carácter pioneiro de Soutomaior á hora de nomear as súas rúas e lugares.

Comboa, Arcade de Arriba, Lavandeira, rúa da Costa... son algúns dos nomes de lugar que o Concello de Soutomaior (comarca de Vigo) está a recuperar e a pór en valor a través da restauración das placas de pedra serigrafiadas que dan conta da súa toponimia tradicional.

A iniciativa, recoñece o alcalde, Manuel Lourenzo, partiu dun operario municipal, quen "desde hai tempo tiña esta idea na cabeza". O Goberno local decidiu acoller a súa proposta e darlle continuidade aos traballos de limpeza e restitución, nun lugar visíbel, da sinaléctica que entre 1979 e 1995 ordenou colocar o primeiro alcalde de Soutomaior na etapa democrática, Fernando Pereira.

"En vista do resultado decidimos impulsar a recuperación de todas as placas de pedra coa toponimia do concello abandonadas durante anos e instaladas maioritariamente na década dos 80 polo alcalde Pereira". Segundo explica Lourenzo, os distintivos responden ao deseño de sinais "que existía na Idade Media", polo que cada unha das placas de pedra, gravadas co nome da rúa ou lugar, está instalada sobre unha pequena rocha en altura.

"Neste caso cómpre destacar tamén que a letra escollida para informar dos topónimos de Soutomaior é a de Castelao", a tipografía creada no Laboratorio de Formas, inspirada nos trazos que os mestres artesáns fundían na pedra co seu cicel marcando unha forma característica.

Para o alcalde, este conxunto de letreiros que atesoura Soutomaior "é unha riqueza patrimonial importante que outorga certa entidade e un carácter diferencial ao noso concello, por iso apostamos por recuperalos e poñelos en valor", acabando, di, cunha sorte de "inxustiza histórica".

As pedras serigrafiadas están diseminadas por todo o municipio, dando nome aos barrios, a camiños e espazos singulares, como poden ser as pontes medievais, e tamén a rúas de marcado carácter urbano, "se ben é certo que obedecen á estrutura urbana que había nos anos 80, á organización tradicional do concello, polo que co crecemento destes anos agora hai espazos que non contan con este tipo de sinais".

Rúa Castelao

Soutomaior foi o primeiro Concello da Galiza en impulsar e dispor dunha normativa en materia de normalización lingüística, lembra Manuel Lourenzo, "e un dos primeiros municipios galegos en ter unha rúa que se chama Castelao" canda a cidade de Montevideo, en Uruguai, e Pasaia, en Euskadi, fóra da Galiza, "así que detrás destas placas ás que iremos chegando pouco a pouco está a historia dun alcalde e dun concello que foi referencia en todo o que ten que ver coa recuperación da toponimia tradicional e coa normalización lingüística".

Na forma e no fondo, os distintivos pétreos que Soutomaior está renovando para poñelos onde merecen ás portas dos barrios, dando protagonismo aos nomes, "importan". "Detrás desta actuación hai moito contido que ten a ver coa historia e co idioma", defende Lourenzo.