"Señor conselleiro, non somos casos concretos": a comunidade escolar dunha decena de centros saíu á rúa contra os recortes

Concentracións no CEIP Fontiñas, CEIP Quirioga Palacios, CEIP Santiso e CEP Ventín. (Fotos. Arxina / Nós Diario / Anpa A Xuntanza / ANPA Ventín)
A falta de profesorado e o incumprimento de ratios e do desdobramento continúan a mobilizar a comunidade escolar de centros de varias comarcas galegas. Para o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, son só "casos concretos" nun "marco xeral" de boa situación do ensino. Esta terza feira desmentírono nunha decena de centros educativos.

Esta fin de semana en Portomarín (comarca de Lugo) pais, nais e escolares do colexio Virxe da Luz concentrábanse diante do Albergue da Xunta da Galiza, o que imposibilitou durante unha hora o acceso a estas instalacións, para exixir que se cubrise a praza fixa de profesor que está vacante no centro. Na segunda feira en Brión (comarca de Compostela) as familias do CEIP Pedrouzos protestaban "contra os recortes no ensino", convocadas por Anpas Galegas e as Anpas de Compostela. Novas mobilizacións tomaron esta terza feira o relevo o relevo en centros de ensino das comarcas de Compostela, O Sar e Vigo, e xa hai anunciadas protestas para a sexta feira en colexios do Barbanza e de Noia. 

"Casos concretos", afirmou esta fin de semana o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre a vaga de concentracións para intentar restarlles importancia. Mais, como afirmaba unha integrante dunha ANPA compostelán momentos antes dunha das protestas, "ao señor conselleiro hai que dicirlle que non somos casos concretos e que hai moito alumnado afectado polos seus recortes". "Menos profesorado, menos persoal en Orientación, desdobres que non se fan...", denunciaron desde Anpas Galegas e a Federación de Anpas de Compostela, convocantes das mobilizacións desta terza, que tiveron o apoio da CIG.

CEIP Fontiñas, Santiago

A ANPA do CEIP Fontiñas de Santiago concentrouse contra os recortes en persoal especializado na atención a alumando con necesidades educativas especiais ou discapacidade. "Reduciron o número de docentes de seis a catro, eliminando un profesor de Pedagoxía Terapéutica (PT), outro de Audición e Linguaxe (AL) e unha coidadora que prestaba apoio nas aulas", sinala a Nós Diario Catuxa Lombao, portavoz da ANPA. Cita o caso dunha nena con parálise cerebral á que se lle reduciu o apoio de 100 % a só media xornada, o que afecta a rapaza e tamén o resto da aula.

CPI dos Dices, Rois

"Temos aulas con 25 alumnos, que incumpren o acordo de ratios ao empeorar a do ano anterior", declara a este xornal Laura Vidal, da ANPA do CPI dos Dices de Rois (O Sar), para explicar a mobilización desta terza feira da comunidade escolar. "Ademais —prosegue—, para compensar as 30 horas lectivas que se perden puxeron unha persoa a media xornada que cubre só 20 desas horas; alén de que non se concede o persoal de pedagoxía terapéutica que se leva demandando desde hai tempo".

EEI da rúa Aragón, Vigo

A Federación de Anpas de Vigo (Foanpas) convocou unha concentración, decorrida ás portas da escola infantil da rúa Aragón, para reivindicar "a necesidade de contar con docentes de apoio e especialistas para alumnos con necesidades educativas especiais". O colectivo denuncia que actualmente carecen de mestres de PT e AL  "malia a altísima ratio de crianzas con necesidades educativas especiais”. Iria Salvande, presidenta de Foanpas, anuncia a Nós Diario que o 16 de outubro haberá unha mobilización en Vigo contra os recortes nos centros desta cidade.

CEIP Quiroga Palacios, Santiago

A ANPA deste centro compostelán centra as súas denuncias en dous puntos: a falta de profesorado e a negativa de Educación a desdobrar os grupos de 5º e 6º de Primaria malia que cos cómputos de ratios os dous grupos de quinto arrincan con 55 prazas;  con 54 os de sexto.  "Ademais, hai un importante problema de espazo no centro, non hai ximnasio, nin hai un patio parcialmente cuberto para Primaria, como di a normativa" explica Marcos Maceira, portavoz da ANPA. "Desde a Consellaría non se contestou a ningún dos escritos que enviamos", afirma.

CEP Ventín, Ames

Margarita Murillo, da ANPA deste centro, explica que a concentraciónpretendía denunciar que  o centro precisa sete docentes máis. A falta de profesorado non é o único problema que hai neste centro, que con máis de 600 escolares é dos máis grandes de toda Galiza. "Hai ciclos onde se pasa o límite máximo de 25 alumnos por aula", censura. 

A Ramallosa e Santiso, Teo

Tamén houbo concentracións no CEIP de Santiso, en Teo (comarca de Compostela), onde "Educación eliminou a a praza de AL", e no CEIP A Ramallosa, no mesmo concello, cuxa ANPA denuncia a falta de persoal docente.