Stop Suicidio Galiza exixiu en Lugo "mellorar os protocolos"

Concentración de Stop Suicidio Galiza en Lugo (Foto: Nós Diario).
A entidade demandou ante a sede da Delegación da Xunta da Galiza "máis recursos sanitarios".

A plataforma Stop Suicidio Galiza concentrouse esta segunda feira pola tarde de urxencia fronte á sede da Delegación da Xunta da Galiza en Lugo para demandar ás administracións "máis recursos sanitarios" e a "mellora dos protocolos de prevención".

"Na provincia de Lugo prodúcense, de media uns, dous suicidios semanais, duplicando a taxa doutras provincias da comunidade", denuncia Miquel Vázquez, presidente da plataforma.

Da mesma maneira, lembra que "Lugo é a cidade que lidera a taxa de suicidios no Estado español e levamos desde abril sen psiquiatría na unidade de prevención do suicidio.

Existe unha carencia de recursos sanitarios moi grande", manifesta Vázquez, para quen erradicar a problemática pasa por pór en marcha, de maneira urxente, "máis medidas" de seguridade e por "mellorar os protocolos de prevención de suicidios". 

Vázquez pon como exemplo a morte, a semana pasada, dun mozo que se lanzou desde un cuarto piso na cidade.

“O protocolo que se puxo non funcionou”, asegura, "a probabilidade de mortalidade se se estenderan as lonas ou habilitado colchóns reducía 70% o desenlace", asegura, "denunciamos este caso na protesta, policía e bombeiros deberían contar con material real de prevención", concluíu.