A suba de prezos sitúa o gasto na "volta ao cole" de cada crianza por riba dos 390 euros

Estes días numerosos estabelecemtos teñen á vista o material escolar que demandan as familias, como neste de Santiago (Foto: Arxina).
As ANPA reclaman que o ensino, tamén co seu material, sexa gratuíto.

Cando faltan poucos días para o inicio do curso escolar, as familias galegas xa se decataron de que, outro ano máis, teñen que facer números para cumprir con todas as demandas que implica a "volta ao cole". Desta vez, o gasto suporá de media 392,86 euros por estudante, 0,4% máis que o realizado para o curso 2022-2023.

É un dos datos que achega a compañía de comparación financeira Banqmi. Estas cifras superan as de informes sobre anteriores cursos, como os do Observatorio Cetelem, que cifrou o gasto das familias galegas para 2021-2022 nunha media de 354 euros por estudante (78% máis con respecto ao ano 2020).

Menos libros, máis caros

Dentro do material escolar, os libros de texto seguen a ser os protagonistas nas contas destes días. Se o ano anterior a suba explicábase pola introdución da última lei educativa estatal, a Lomloe, nos cursos impares e o lanzamento de novos manuais, este ano continuou pola implantación nos pares.

Segundo Banqmi, o prezo medio dos libros a nivel estatal subiu desde o curso pasado 1,4%, dos 183,12 euros de entón até os 185,69 euros de media de agora, aínda que seguen sendo máis baratos na pública, segundo o informe, cun prezo medio de 149,38 euros por estudante respecto dos 176,39 euros da escola concertada e os 211,77 euros por alumno da privada. Por etapas, o aumento na Educación Infantil e na Primaria foi de 1,55%.

Na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) a suba foi de 0,84%. Neste curso, segundo Baqmi, aumentan as preferencias por materias de ensino sen libros, "nas primeiras etapas e tamén na ESO, aínda que non nas materias troncais”. 

Sen ensino gratuíto, afirman as ANPA

Para o presidente da Confederación de ANPAS Galegas, Fernando Lacaci, o primeiro problema é que “seguimos sen ter a posibilidade dun ensino gratuíto”. Lembra, en declaracións a Nós Diario, que hai un informe da Valedora do Pobo e tamén do Defensor do Pobo que indica que “a gratuidade implica todo, tamén os libros de texto e o material escolar”. Coa situación actual, considera que “convertemos o ensino no lugar onde algunhas nenas e nenos poden asistir con comodidade e outras non, conculcando a base do noso ensino público que é o tratamento do alumnado”. 

En relación ao encarecemento dos libros, Lacaci entende que “é lamentábel que este Goberno galego estea malgastando sistematicamente unha millonada de diñeiro nun sistema de material de texto que non cumpre a súa función educativa ao deixar moitas nenas e nenos fóra”. O responsábel de ANPAS Galegas critica que “ano tras ano se estrean libros de texto como se o mundo estivese para semellante gasto ecolóxico e para semellante esquema de mala educación”.

Por este motivo, Lacaci reclama do Goberno galego “aquilo que o primeiro Feixoo desfixo, que era o préstamo obrigatorio de todos os libros, a única forma de garantir o acceso en igualdade de condicións”. 

Por último, cuestiona que a Xunta da Galiza "defenda o negocio das editoriais a custa das familias", ademais de "sobrecagar o profesorado dos centros do traballo que supón un fondo solidario que non chega á maioría do alumnado".

As ANPA denuncian que non hai control do material regrado

“Non hai un control regrado do material que se solicita en cada centro”, denuncia Fernando Lacaci. O presidente das Anpas Galegas sinala que na Galiza “hai escolas e institutos que son austeros na petición de material que lle demandan ás familias", mais hai outros "que indican mesmo que teñen que ser de marcas de alta calidade e alto prezo, para que logo paguen as familias”.

Neste caso, pon como exemplos algúns centros, mesmo públicos, "que se atreven a exixir sobre cal debe ser a roupa deportiva ou como deben asistir  as nenas e nenos ás aulas". Para Lacaci, esta actitude por parte das persoas responsábeis de cada centro "dificulta aínda máis" un proceso que para as familias "xa é custoso sen contar coa escolarización" por ter que mudar de roupa e calzado "case cada ano" nestas etapas da vida.