A Subdelegación do goberno impón 200 euros de multa por un mural de Rosalía de Castro

Imaxe: Galiza Nova

“É unha sanción por motivos políticos”, denuncian os sancionados, militantes de Galiza Nova, que defenden a Rosalía que é "molesta" ao poder. 

A Subdelegación do goberno español multa con 100 euros a cada un dos dous militantes de Galiza Nova que considera responsábeis dun mural homenaxe a Rosalía de Castro feito na cidade de Pontevedra. Sabela Bará, unha das sancionadas, explica en conversa con Sermos Galiza que o mural foi feito o pasado 24 de febreiro, Día de Rosalía, mais que non foi até agora que recibiron a sanción da Subdelegación.

Estaban un grupo de mozos e mozas a elaborar o mural cando se personou unha patrulla da Policía Local, que acudiu até o lugar pola denuncia dun particular. Sabela Bará e Alberte Fernández, como responsábeis de Galiza Nova, procederon a presentar a súa documentación. “Os propios axentes comentaban que a cousa quedaría aí”, manifesta Bará. Porén, máis de dous meses despois, ella e o seu compañeiro receben a notificación dunha sanción de 100 euros a cada un por “danos” e “deslucimento”. Motivos que non convencen a Galiza Nova. O mural foi nun muro abandonado.

“Do propio informe da Policía Local desprendíase que non fixemos nada”, comenta Bará, que sinala que a Lei de Seguridade Cidadá obriga a tramitar as denucnias de particulares, de aí que esta chegase até Subdelegación. Non dubida en sinalar que a sanción responde a “motivos políticos” e que a multa é unha forma de “represión”.

“Pobre Galiza..”

O lema plasmado no mural, cando a imaxe de Rosalía, é o verso “Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española”. Algo que destaca esta militante de Galiza Nova, apontando que “hai unha Rosalía que non poden dixerir” e que “lles molesta”, de aí a multa. Nos últimos meses Galiza Nova foi albo de diversos expedientes e sancións por murais, relativos a temas como o dereito ao aborto ou contra a Lomce. 

Sabela e Alberte compareceron esta terza feira ante os medios para anunciar que ían presentar alegacións contra a proposta de sanción. "Probabelmente as presentemos esta mesma semana", sinalan, ao tempo que anuncian que non están dispostos a pagar a multa. No acto estiveron acompañados por, entre outros, Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, e Bieito Lobeira, BNG.