Súmase máis alumnado á greve do 13 de abril

[Imaxe Peche Filosofía e Maxisterio]

O estudantado que mantivo durante un mes un fechamento na Facultade de Filosofía (USC) anunciou que secundará a xornada de folga. 

Mantiveron catro semanas un encerramento na facultade que esta quinta feira decidiron dar por concluído. Aseguran que esta mobilización esgotou xa todas as súas posibilidades após conseguir, din, xerar un "debate" e "diálogo" entre o estudantado. Agora, estudan novas fórmulas para continuar avanzando nas súas reivindicacións, centradas na ausencia de profesorado nas titulacións de Filosofía e Maxisterio. Porén, para comezar, sumaranse á xornada de folga convocada para o 13 de abril. 

Neste curso académico rexistráronse "24 profesores menos en Maxisterio e só 5 contratacións para cubrir un total de 12 xubilacións en Filosofía"

Entre as denuncias do estudantado organizado no feche de Filosofía e Maxisterio sitúase a falta de profesorado. No concreto, sinalan, "24 profesores menos en Maxisterio e só 5 contratacións para cubrir un total de 12 xubilacións en Filosofía". Porén, as razóns da súa mobilización non fican aí, "mudanzas nos horarios unha vez rematados os prazos de matriculación" ou o feito de que "profesores non especializados" asumisen a impartición de materias por falta de persoal "o que fai que a nosa formación sexa deficiente", apuntan. 

Neste senso, aseguran que "o incumprimento das taxas de reposición é unha clara vontade de desmantelar a universidade pública". Unha decisión que atribúen á lexislación educativa aprobada nos últimos anos como o Plan Bloña, a LOMCE ou o decreto 3+2.