O Supremo abre unha vía para manter vivo o recurso contra Ence

Fachada do Tibunal Supremo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
Defensa da Ría sostén que esta medida do TS supón que "desestima" a pretensión da pasteira. 

O Tribunal Supremo (TS) decidiu continuar pola vía ordinaria o procedemento da sentenza da Audiencia Nacional que estimaba o recurso presentado no seu día pola Asociación Pola Defensa dá Ría (APDR) e anulaba a prórroga de Ence en Pontevedra.

Todo iso após que en 2022 o propio Supremo suspendese esta tramitación (tras recorrer a compañía pasteira a sentenza), baseando a súa decisión na existencia dunha estreita relación entre esta cuestión e as presentadas polo Concello de Pontevedra e Greenpeace. Concello, Greenpeace e APDR recorreron a prórroga e a Audiencia Nacional deulles a razón e anulouna, mais Ence recorreu esta decisión e o Supremo avalou finalmente a prórroga aspós analizar os recursos de Greenpeace e do Goberno local, mais non o da APDR, que segue pendente.

Tras todo isto, e debido a que nos dous casos anteriores o TS estimou o recurso de Ence e avalou a súa continuidade na ría de Pontevedra, a representación da empresa, segundo indica a APDR nun comunicado, solicitou á sala terceira do Contencioso-Administrativo do Supremo que continuase coa tramitación do último recurso que quedaba pendente. Mais neste caso, pedía que se fixese segundo o artigo 94 da lei reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativo, o que suporía a aplicación inmediata da mesma decisión tomada para os recursos interpostos por Greenpeace e o Concello (é dicir, que avala a prórroga).

Con todo, o TS emitiu nos últimos días unha providencia desestimando esta solicitude e resolvendo que continuará a tramitación do procedemento de forma ordinaria. Isto permite á APDR presentar escrito de oposición e "defenderse".

Masa: “Ence quere deixarnos sen dereito á defensa”

"Ence pretendía deixarnos sen o dereito para defendernos e o Supremo derrotouna", dixo o presidente da APDR, Antón Masa, en declaracións a Europa Press, quen manifestou a súa decisión de "seguir loitando" contra a permanencia da pasteira en Lourizán.

 "O TS vén de emitir providencia desestimando a solicitude de Ence e resolvendo continuar a tramitación do procedemento correspondente ao noso recurso pola vía ordinaria prevista no artigo 92 da amentada LXCA, unha decisión que garante os nosos dereitos á defensa ao posibilitar que a APDR presente escrito de oposición e manifeste as razóns que -ao noso entender- deberan levar á desestimación dos recursos de casación das partes recorrentes", indica Masa.

Pola súa parte, fontes de Ence explicaron que a providencia do TS supón elixir un procedemento distinto ao solicitado pola compañía. "En calquera caso, e sempre desde o máximo respecto, queremos expresar a nosa confianza na Xustiza", di a empresa.