Xustiza

O Supremo rexeita os incidentes de nulidade contra a sentenza que avala a prórroga de Ence en Pontevedra

O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

O alto tribunal considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988.

O Tribunal Supremo rexeitou os incidentes de nulidade presentados polo Concello de Pontevedra e a Avogacía do Estado contra a resolución xudicial que avalou a permanencia de Ence nos terreos de Lourizán, na ría de Pontevedra, e que, en concreto, ían dirixidos á concesión da prórroga. Segundo confirmaron á axencia Europa Press fontes das partes, a sección quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal comunicou esta terza ás partes afectadas a resolución adoptada, na que se apunta que non procede a nulidade do auto anterior.

Esta resolución fecha a vía aberta ante o Supremo, pero segue aberta a posibilidade de continuar ante o Tribunal Constitucional. En febreiro deste ano, a sección quinta da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo estimou os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga que determinaba a continuidade da factoría na ría de Pontevedra ata o ano 2073.

Con esta decisión, corrixiu a sentenza da Audiencia Nacional, que anulara a prórroga concedida o 20 de xaneiro de 2016 polo Goberno que dirixía entón Mariano Raxoi, que outorgaba a Ence unha prórroga de 60 anos (a contar desde a data de solicitude, en 2013) da concesión de ocupación dunha franxa de dominio público marítimo terrestre destinada á fábrica de pasta de celulosa en Pontevedra.

Nesa resolución de febreiro, o Supremo considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988, como é o caso, "sempre que consten informes ambientais favorábeis". No asunto analizado, remarca, "constaban informes favorábeis da Administración nesa materia".

O Concello seguirá "loitando" nos tribunais

O Concello de Pontevedra asegurou que xa estuda o seguinte paso xudicial para "seguir loitando" contra a permanencia de Ence na ría após coñecer o auto do Tribunal Supremo, que desde o Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores consideran "contrario" aos intereses municipais tal e como foi a sentenza. "A resolución era previsíbel e incluíase dentro da folla de ruta xudicial elaborada polo Concello", precisaron a última hora desta terza feira desde o consistorio, avanzando que seguirán "loitando coa permanencia de Ence na ría e en Lourizán".

O Goberno local destaca que "o auto omite por completo as dúas cuestións que puxo en consideración o Concello", é dicir, a falta de resposta ás peticións contidas na demanda e a vulneración da tutela xudicial. Ante esta situación, o Concello valora posíbeis "accións adicionais" a respecto do auto, con carácter previo á presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional "e, de ser o caso, o inicio da vía xudicial europea".

Fernández Lores quixo volver "transmitir a todos os cidadáns que manteñan a confianza en que o Concello vai seguir loitando por todas as vías posíbeis para recuperar a ría". "Porque sei que hai cidadáns preocupados e intranquilos", manifestou.

"Temos dereito a recolocar as industrias que están en dominio público e tamén perto de núcleos importantes de poboación", reiterou o rexedor, que se mostra "convencido, e cada vez máis", de que "non hai desenvolvemento económico nin de emprego sen respecto polo medio ambiente". "É noso deber deixar aos nosos fillos e netos un planeta mellor", concluíu.