Entrevista

Suso Bermello (CIG-Ensino): "O que agobia os docentes é o exceso de alumnado por aula, de horas e burocracia"

Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. (Foto: Xan Carballa)
O próximo día 24 tres centrais sindicais que representan 60% do sector chaman a un paro xeral no ensino. Suso Bermello (A Coruña, 1965), secretario nacional da CIG-Ensino, a forza maioritaria, explica nesta entrevista as motivacións da folga, reclama a reapertura de negociacións coa Consellaría e centra a demanda principal nun calendario de rebaixa da carga lectiva do profesorado como condición indispensábel para mellorar a calidade educativa.

—Cales son as razóns desta convocatoria de folga?
Levamos 14 anos desde que o PP de Feixoo executa o primeiro recorte de dereitos do profesorado, ampliando as horas de clase desde as 21 a 25. Botou abaixo un acordo que fixéramos todos os sindicatos co conselleiro do Goberno bipartito, que era un gran acordo con contratación de máis de 1.000 profesores e mestres en Infantil e Primaria, creándose un cadro de persoal adecuado para todos os centro educativos do país. Hai 12 anos, simultaneamente, os Gobernos de Mariano Raxoi en Madrid e Núñez Feixoo na Galiza ampliaron o horario de toda a Secundaria.

A decisión primeira cando o PP chegou á Xunta foi puramente política e estoutra amparouse na crise. Cando ese período de crise remata puxemos toda a carne no asador para volver a aquelas condicións logradas sobre horarios, pero cada vez que o intentamos o PP buscou desactivar a reivindicación principal facendo só novos acordos retributivos. Como sindicato non iamos negarnos a subas de salarios, pero non era ese asunto o principal.

—A redución de horas era unha cuestión prioritaria?
Con calquera ensinante co que fales vaiche dicir que quere cobrar máis, pero que o que os ten agobobiados é o exceso de alumnado por aula, o exceso de horas de clase e burocracia. A finais do curso pasado pensamos que  co horizonte case inmediato dunhas eleccións era o momento de acelerar esa reivindicación e propuxemos abrir unha negociación para poder aplicar xa as mudanzas neste curso 2023/24. O director xeral dinos que o están estudando, pero que sería nun curso posterior.  Ao comezo deste período, en setembro, xa advertimos que todo estaría condicionado polo calendario electoral e podería servirlles de desculpa para  non acordar nada como xa fixeron outras veces, alegando que serían "goberno en funcións".

Agora mesmo Galiza é, con Madrid, a quen ten peores horarios

—Cando se pide rebaixa de horarios hai que explicar que se trata de mellorar a calidade do ensino?
Sei que desde fóra ás veces non se entende que a práctica totalidade dos ensinantes están moi comprometidos coa súa profesión. O horario dun docente é  o mesmo que calquera funcionario, 37 horas. E ningún docente traballa menos desas horas á semana, porque ademais das horas lectivas na aula, son preparación de clases, de programacións, traballo burocrático, atención de pais, coordinación pedagóxica cos compañeiros, corrección de probas,… vai moito máis alá dese tempo. Iso sabémolo todos e a Consellaría coñece que ese apego profesional teno a maioría do colectivo e por iso cada vez está máis queimado, coas consecuencias que iso ten, por máis empeño que poñas, na calidade educativa. Para todos é indiscutíbel que a redución de horarios de clase, que non de horas de traballo, é unha condición indispensábel a mudar. Agora, Galiza, con Madrid, é a quen ten peores horarios. Outros Gobernos, tamén do PP, foron negociando e reducindo, con prazos maiores ou menores de implantación.

—A Consellaría presentoulles unha proposta?
Presentou un documento o 29 de setembro e non atende nada do principal, ou sexa de redución horaria. Negámonos a negociar sen entrar xa noutras materias: ou a Administración aceptaba que ese era o núcleo das nosas demandas ou non seguiamos adiante. Durante un par de reunións mantiveron a negativa, pero ao final fixeron un acordo parcial, con algunha mellora en ratios, pero feito de tal forma que a súa aplicación non ten sentido: facelo en tres anos pode ser razoábel en Infantil, pero levalo a nove anos en Secundaria é disparatado.

Fano porque saben cal é a proxección demográfica do país, e é unha aplicación de baixo custo. Venden algo que ía caer só e esa negativa, ou postergar a redución de ratios, tamén a fan para salvar algúns centros privados ou concertados, afectados polo devalo demográfico e a perda progresiva de matriculación. Nós non temos datos, pero só en Infantil xa houbo 2.000 matriculacións menos este curso.

Sendo o 60% do profesorado total, négase por completo a redución de horario na Secundaria, porque iso implica gasto económico

—Outro tema importante tamén era reducir a burocracia do profesorado.
Unha parte correspóndenos por suposto, aínda que con tantas horas lectivas apenas hai tempo para facelas, pero outras deberían levarse con  persoal administrativo. Ratio, horarios e burocracia eran os elementos fundamentais da negociación e co que asinaron agora só queda unha declaración de que se fará "un grupo de traballo para simplificar tarefas burocráticas". No último momento introduciron unha redución para os mestres de Infantil e Primaria de 25 a 23 horas, ou sexa que nin se chega ao que xa tiñamos logrado hai 14 anos. Estabamos dispostos a que se escalonara a redución a 21 horas en dous cursos, pero debía asinarse ese compromiso e non quixeron. O peor é que, sendo o 60% do profesorado total, négase por completo a redución de horario na Secundaria, porque iso implica gasto económico: hai que contratar profesorado porque temos un cadro de persoal saturado e que se reduciu nos últimos anos.  Aceptabamos que fose gradual a mudanza, a 19 horas primeiro e un ano despois a 18. Canto custa? Non o sabemos, a Consellaría non ofrece os datos.

Temos o contraste do acordo do Sergas en abril, asinado por todos os sindicatos, semellante en canto a redución de horarios para todo o persoal de 37 a 35 horas. No final da negociación presentouse o conselleiro de Sanidade, algo extraordinario nunha comisión negociadora, e acordouse unha redución do horario progresiva en tres anos. O acordo publicouse no DOG incluíndo que o custo desa medida suporía un aumento de 1.300 profesionais.

—Por que no ensino non se pode facer?
Aquí non se implicou o conselleiro, como si fixo en Sanidade. Chama a atención que o propio Rueda aparecera no acto de asinar con CCOO, ANPE e UXT. É a primeira vez que un presidente da Xunta comparece nun acto así. Nunca se producira. Non querían acordar nada en Educación e non ían ceder en Secundaria que é o principal colectivo prexudicado.

—Inflúe que a CIG sexa a central maioritaria no ensino?
É un reparto parecido da representación, na sanidade tamén somos primeira forza. No ensino somos seis sindicatos con representación, pero só catro forman parte da mesa de negociación, porque dous non logran 10%, coa excepción da UGT que só ten 7% pero entra por ser maioritaria no Estado. A CIG (8), CCOO (4), ANPE (2) e UGT(1) son os que están na mesa e quedan fóra, pero apoian a folga do día 24, STEG e CSIF, minoritarios pero con máis delegados que UGT.

Agora asinouse un acordo estando en contra o sindicato maioritario e, se isto funcionase como convenio colectivo dunha empresa non sería posíbel. Asinouse coa oposición de 59% da representación sindical e a Consellaría puxo un interese enorme en que a negociación rematase en unha semana e que ese acordo coincidise coa celebración do Debate do Estado da Galiza no Parlamento.

Somos moi críticos cos sindicatos que asinaron, pero serán benvidos á mobilización

—A proposta é que se reabra a negociación?
Que se reabra e se supere ese acordo. Somos moi críticos cos sindicatos que asinaron, pero serán benvidos á mobilización porque todos temos dereito a equivocarnos, e non sei se o están reconsiderando. Fixeron fraco favor ao profesorado aceptando ese agasallo envelenado do PP. Non se podía pasar de ter unhas liñas vermellas a tenderlle unha alfombra da mesma cor á Consellaría e a Rueda, que fixeron da sinatura un acto de propaganda electoral.

—Tamén hai unha negociación aberta, aínda que non está chamada a esta folga do día 24, nas escolas infantís.
É un escalón educativo (0-3 anos) con dúas patas, pública e privada que son maioría e dependen dun convenio estatal e teñen unhas condicións malísimas. As públicas viven aínda do efecto da creación das Galescolas co bipartito, o que aínda non cubrindo nin de lonxe a demanda, son das que teñen maior porcentaxe no Estado. O PP non fixo nada máis desde entón.

—Este curso ofrécese a gratuidade con financiamento público, pero iso non mellorou as condicións laborais nas privadas.
Esa gratuidade o que debería implicar é unha mellora da oferta pública de prazas, pero xa digo que desde que no Goberno bipartito se crearon as Galescolas o PP non aumentou nada a oferta pública. A perversión é que se agocha na falta de oferta pública para subsidiar a privada nunhas condicións laborais moito peores.