Suspenden de novo o xuízo contra Nené Barral por contrabando de tabaco nos 90

Nené Barral foi alcalde de Ribadumia polo Partido Popular. (Foto Nós Diario9

O ex alcalde popular está acusado de cometer delitos de asociación ilícita, delitos continuados de contrabando, delitos de revelación de segredos e de suborno activo e pasivo.

Como xa ocorreu en setembro e en abril, o xuízo fixado a partir desta quinta feira, 22 de xuño, na Audiencia de Pontevedra contra o ex alcalde de Ribadumia polo Partido Popular (comarca do Salnés) José Ramón 'Nené' Barral por contrabando de tabaco nos 90, tivo que ser suspendido por imposibilidade de asistencia da letrada da defensa.

Este novo revés impedirá de novo que esta semana senten no banco os 12 acusados nesta suposta trama de contrabando liderada por Nené Barral e que están acusados de introducir tabaco no Estado español de maneira irregular entre 1996 e 2001.

O xuízo, por uns feitos que se iniciaron hai case 30 anos, fixouse inicialmente en setembro de 2022. Naquela ocasión, Nené Barral e os outros 11 acusados chegaron a sentar no banco, pero a sesión suspendeuse tras as cuestións previas para resolver as peticións dos letrados defensores.

Como consecuencia, en febreiro deste ano a Audiencia Provincial declarou nulas as escoitas telefónicas ao ex alcalde de Ribadumia, levadas a cabo a partir de febreiro de 1999, deixando sen efecto unha das principais probas contra el. Así mesmo, tamén declarou nulos os "datos, achados e probas" obtidos a través das escoitas.

O xuízo volveu fixarse para o mes de abril. Con todo, nesta ocasión tampouco chegou a celebrarse debido a que coincidía con sinalizacións preferentes dalgúns dos avogados acudidos. Agora, a imposibilidade de asistencia da letrada da defensa obrigou a suspendelo de novo.

Xefe dunha organización

O escrito fiscal considera Nené Barral xefe dunha organización composta por outros 9 acusados que, entre 1996 e 2001, se dedicaron a introducir tabaco de contrabando en territorio europeo. En 2001, o ata entón alcalde de Ribadumia foi detido pola súa presunta vinculación a un alixo de 432.000 paquetes de tabaco.

En concreto, o Ministerio Fiscal considera que Barral e outros 9 acusados eran integrantes dun grupo organizado "estábel" coa finalidade de introducir no Estado español e en territorio europeo "importantes partidas" de tabaco de procedencia extracomunitaria, por vía marítima e terrestre, ou a través de contedores. Os outros dous acusados estarían implicados só na última operación.

Así, a Fiscalía considera que dispuñan de medios materiais, como dous buques pesqueiros e un buque mercante e acúsaos de causar prexuízo económico tanto á Facenda Pública estatal como aos orzamentos da Unión Europea, con contías que roldarían os 5 millóns de euros.

O grupo actuaría grazas á colaboración de parte do funcionariado de Vixilancia Aduaneira, que lles permitiría intro

ducir o tabaco na Galiza e en varios Estados europeos. En concreto, Fiscalía describe algunhas das súas actuacións, como a utilización dun barco pesqueiro propiedade dun dos integrantes da banda para transportar tabaco da marca Winston até Europa.

En 1997, di o fiscal, introduciron 1,17 millóns de paquetes desde Senegal, cun valor de 376 millóns das antigas pesetas (2,2 millóns de euros). Na mesma liña, realizaron máis operacións, contando en ocasións coa colaboración de funcionarios e Garda Civil para non ser capturados.

Por todo iso, Fiscalía considera que os feitos narrados son constitutivos de delitos de asociación ilícita, delitos continuados de contrabando, delitos de revelación de segredos e de suborno activo e pasivo. Por iso, pide para Nené Barral, como xefe, 10 anos e medio de cárcere, ademais dunha multa de máis de 15,3 millóns de euros.

Para o resto dos acusados, pide penas de entre dúas e oito anos e multas que tamén superan os 15 millóns de euros. Ademais, para seis acusados de contrabando tamén solicita que indemnicen de forma conxunta á Facenda Pública Estatal con case 5 millóns de euros e outros tres terán que pagar máis de 600.000 euros ao Heraldo público.