Xustiza

Novo golpe xudicial á política eólica da Xunta: o TSXG paraliza cautelarmente o parque Acibal, cuxas obras xa comezaron

Aeroxeradores no polígono eólico de Sil e Meda, en Esgos (comarca de Ourense). (Foto: Agostime / Europa Press)
O alto tribunal galego acordou suspender, sen caución, a execución da resolución da Xunta que lle outorgou á empresa Norvento a autorización administrativa previa e a de construción das instalacións.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de suspender de forma cautelar a execución do parque eólico Acibal —cuxas obras xa comezaron—, situado nos termos municipais de Barro, Campo Lameiro e Moraña (comarcas de Caldas e Pontevedra). A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo acolleu a pretensión da asociación Ecoloxistas en Acción Galiza e suspendeu, sen caución, a execución da resolución da Xunta que lle outorgou á empresa Norvento a autorización administrativa previa e a de construción das instalacións, á vez que declarou a súa utilidade pública e a súa compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais.

A Sala conclúe no auto que as actuacións previstas no proxecto do parque "afectan os hábitats de interese comunitario e de especies catalogadas situados no humidal das Brañas de Amil, así como aos petróglifos aí situados, do mesmo xeito que no monte Acibal e no Curro de Amil, afectación cuxa maior ou menor intensidade e grao de protección, corrección ou compensación determinaranse —no seu caso— no recurso principal".

Ademais, os maxistrados salientan que, aínda que consta que se executaron o vial de acceso e o principal, así como os ramais de acceso a dous aeroxeradores e algunhas plataformas, "non está acreditada a finalización de todas as obras que, segundo o cronograma, se presume que o estarían ao finalizar o mes de novembro, do que resulta que aínda se poden producir afectacións ao medio ambiente e ao patrimonio que poderían ser irreparábeis, iso sen esquecer as que puidesen resultar da posta en funcionamento do parque". Por todo iso, aprecia o periculum in mora —perigo pola demora procesual—, que forma parte da esencia da medida cautelar, pois con ela téntase asegurar que a futura sentenza se poida levar á práctica de modo útil.

O alto tribunal galego considera que tamén se cumpre o requisito do fumus boni iuris —aparencia de bo dereito—, que ampara a suspensión interesada, pois da lectura da resolución que autorizou a execución do parque eólico Acibal apréciase que o procedemento se conduciu "de forma análoga" á que deu lugar á autorización dun parque anulado por sentenzas do TSXG, emitidas en xaneiro de 2022. Ademais, engade que "existe un argumento máis que impediría a execución do parque eólico, que é a posíbel afectación que ao fumus boni iuris lle produciría a futura sentenza que dite o Tribunal Supremo". Así, sinala que iso conecta co disposto no artigo 56.5 da Lei Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa, en cuxo suposto, e por analoxía ao que nese precepto se estabelece no procedemento ordinario respecto deste separado de medida cautelar, o que procedería "sería esperar ao que resolva aquel tribunal nos recursos de casación que admitiu respecto dunha das dúas cuestións que amparan a doutrina do bo dereito da presumíbel pretensión anulatoria".

Finalmente, en canto aos intereses que se contrapoñen, os maxistrados destacan no auto que "se deben ponderar uns e outros, para inclinarse polos que sexan máis dignos de protección, que, dun lado, é a protección ambiental e patrimonial, e do outro, a obtención de enerxía renovábel, sen esquecer o interese dos seus destinatarios e o económico da promotora, unido ao alto custo que para ela ten o proxecto de execución (9.421.337,75 euros)". A Sala conclúe que os intereses en xogo prevalecentes son os que defende a asociación ecoloxista, "sen esquecer o dos veciños que poderían ver expropiadas as súas propiedades para executar o parque eólico".

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG destaca que xa advertiu en decembro de 2022 nun auto, no que citaba unha sentenza do Tribunal Supremo, "que os principios de cautela, prevención e precaución son propios do Dereito da Unión Europea, de modo que, ante a mera posibilidade de que se produza un dano irreparábel ou de moi difícil ou incerta reparación —aínda adoptando medidas correctoras sobre as zonas protexidas—, debe prevalecer a suspensión da execución da actividade que pode producir ese risco, ao ser prevalecente o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos sobre o particular que ten a promotora do parque eólico Acibal en executar de forma inmediata o proxecto autorizado, por moi lexítimo que sexa o seu dereito".

Este interese prevalecente, así como a existencia de posíbeis danos irreparábeis e a aparencia de bo dereito da pretensión anulatoria foron igualmente tidos en conta para que a Sala suspendese a execución doutros parques eólicos. Con todo, advirte que iso "non significa, de ningún xeito, que se aplique a suspensión de forma automática", como proba que se denegase noutros casos. O auto, que non é firme, pois contra el cabe presentar recurso de reposición, está asinado por cinco maxistrados e maxistradas e conta cun voto particular dunha das xuízas, quen entende que "non procedía o outorgamento da medida, senón a suspensión da decisión mentres non se ditase resolución no incidente de inadmisión".