O número de centros de Atención Primaria por cada 100.000 habitantes é na Galiza 10 puntos inferior á media no Estado

Centro de saúde do concello de Burela. (Foto: Nós Diario)

A Galiza conta con 463 centros de Atención Primaria (AP), 17 por cada 100.000 habitantes. No Estado hai 27 por 100.000 residentes.

A Galiza conta con 463 centros de Atención Primaria (AP), dos que 398 son centros de saúde e 65 consultorios locais. Os datos figuran no Informe anual do sistema nacional de saúde 2023 publicado a principios de semana polo Ministerio de sanidade.

Estes 463 centros supoñen que a taxa deles por cada 100.000 habitantes que hai na Galiza é de 17, unha cifra sensibelmente inferior á media no Estado español, onde é de 27 centros por cada 100.000 habitantes, 10 puntos máis.

No conxunto do estado hai 3.040 centros de AP en total. En números absolutos é Castela e León quen máis ten, con máis de 3.800; mentres que na cola sitúanse Ceuta e Melilla, con 7.

Na taxa por 100.000 habitantes, a Galiza sitúase moi lonxe de territorios como o mencionado de Castela e León -onde hai 163 por cada 100.000 residentes- ou Aragón, con 74 centros de saúde e consultorios. Quen presenta peores rexistros, no Estado, é Madrid, onde por cada 100.000 habitantes hai só 6 destes centros.

Perda de médicos

O persoal médico de Atención Primaria descendeu en 2023 a 2.604 profesionais, o que se traduce en 39 menos que un ano antes. Cada mes que pasou, tres facultativos e facultativas menos. De feito, na AP galega non había tan poucas médicas e médicos desde hai seis anos, en 2018, cando eran 2.602, dúas menos que agora. Un repaso ás hemerotecas permite comprobar como había un consenso en considerar aquel número como máis que insuficiente. Camiño de se facer unha década desde aquela, a cifra apenas variou.

En 2021 as médicas e médicos de familia eran 2.665, 22 máis que en 2022 e 61 máis que en 2023. Estes datos permiten comprender por que a Atención Primaria da Galiza é a máis saturada do Estado. Así o constata a memoria 2023 do Defensor do Paciente, que outorga á AP galega o primeiro posto no ránking de "saturación" no Estado español, posición que comparte con Andalucía.

Advirte a entidade da necesidade de aumentar o seu cadro de persoal médico e pediatras en 30% para aminorar a presión, co que se podería "atender entre 20 e 25 pacientes ao día [por médico] en lugar de axendas con 50 ou 60". Este informe apuntaba que a Atención Primaria é "a gran debilidade do sistema sanitario" da Galiza. 

Segunda pola cola en investimento sanitario

A Galiza é a segunda comunidade do Estado cun menor investimento sanitario, segundo os datos que fixo públicos o pasado mes de xuño a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), procedentes da liquidación dos orzamentos de 2023 efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE), e que indica que o gasto sanitario por habitante na Galiza ficou en 1.817 euros no ano 2023, é dicir, 38 euros por baixo da media estatal, fixada en 1.855 euros por habitante.

Así, Madrid supera por primeira vez na última década á Galiza en investimento sanitario por habitante. O Goberno presidido por Alfonso Rueda é o segundo de todo o Estado que menos fondos destina ao mantemento do sistema de saúde. Só Andalucía dedica menos recursos a sanidade que a Galiza.