Gran parte da costa galega estará esta sexta feira en alerta laranxa após unha xornada con ducias de incidencias

Microbús escolar atrapado en Allariz polo desborde do Arnoia. (Foto: Europa Press)
Un microbús escolar tivo que ser auxiliado esta quinta feira en Allariz ao quedar varado nunha balsa de auga polo desborde do río Arnoia.

Gran parte do litoral galego estará esta sexta feira en alerta laranxa por fortes ondadas e fenómenos costeiros, advirten desde Meteogalicia. Concretamente, a alerta afectará o noroeste da provincia da Coruña e a Costa da Morte. Para a Mariña e as Rías Baixas, a alerta a partir desta sexta por fenómenos costeiros será amarela, como tamén o será por 'mar de vento' na Mariña e en toda a costa coruñesa.

Pola súa parte, a AEMET eleva a alerta laranxa por ondada á zona de Rías Baixas-Pontevedra e Miño-Pontevedra e á costa mariñá. Prevén ondas de entre cinco e seis metros e ventos de forza 7 (de 50 a 61 km), que ocasionalmente poden alcanzar forza 8 (de 62 a 74 km) en determinados lugares como Ortegal-Bares ou na Mariña. Ambos os servizos desactivaron os avisos choivas, despois de que esta quinta feira o interior de Pontevedra estivese en alerta laranxa por precipitacións intensas.

Ducias de incidencias polo temporal

Un microbús escolar tivo que ser auxiliado esta quinta feira en Allariz (comarca de Allariz-Maceda) ao quedar varado nunha balsa de auga polo desborde do río Arnoia. O autocar transportaba catro rapaces, de entre 12 e 14 anos, que foron rescatados ilesos. Esta foi unha das múltiples incidencias que deixaron onte na Galiza os fortes ventos e as abundantes choivas que caeron sobre o país. As previsións de Meteogalicia apuntan a que hoxe o tempo continuará marcado por eses fenómenos, ao igual que na fin de semana.

Só entre a medianoite pasada e a fin da mañá as condicións meteorolóxicas adversas desta quinta feira deixaron ao redor de 150 incidencias por toda a Galiza, segundo cifras do 112. As máis frecuentes foron en estradas, onde os servizos de emerxencias tiveron que intervir por árbores e pólas (45), terra e pedras (29) ou inundacións (24). Rexistráronse varios accidentes de tráfico ligados ás condicións climáticas. En Ponteareas (comarca do Condado), dous coches chocaron contra unha árbore na N-120, sen provocar feridos.

Un aviso similar chegou ao 112 sobre cando un camioneiro chamaba para explicar que unha árbore caera enriba do parabrisas do seu camión na A-55 ao seu paso por Atios, no Porriño (comarca de Vigo). 

Así mesmo, foron varios os anegamentos de vivendas e as actuacións de varios servizos de emerxencias para evitar riscos maiores , como apontoar muros ou retirar vexetación de forma preventiva. Outra incidencia aconteceu en Castrelo do Val, comarca de Verín, a caída de terra e pedras do monte taponou a OU-114 por completo á altura de Campobecerros.