Teo acollerá o I Encontro sobre os impactos da minaría

Os múltples proxectos mineiros abertos no país están a facer emerxer novos espazos de debate sobre as consecuencias medioambientais, sociais e económicas da explotación mineira en Galiza. Minaría Galiza organiza un Encontro o vindeiro sábado 16 en que debullar polo miúdo os impactos da minaría mais tamén no que partillar experiencias e procurar estratexias conxuntas entre os colectivos en defensa do territorio.

 

Corcoesto, Presquesas (Forcarei) ou as Fragas do Eume son algúns dos espazos que as empresas mineiras transnacionais sinalaron no mapa galego para instalaren minas a ceo aberto na procua de ouro, estaño e outros recursos minerais. Desde a época dos romanos, Galiza foi considerada unha terra abondosa en ferro, andalucita e outros materiais cobizados polo imperio.

Milleiros de anos após a explotación romana, en pleno século XXI, Galiza volve a se situar no punto de mira de importantes empresas que procuran nos montes galegos insumos para a industria doutros territorios do mundo. A creación de minas, as máis das veces a ceo aberto, é presentada polas entidades interesadas como unha fórmula máxica contra o desemprego e o despoboamento do que adoece o rural galego. Porén, as consecuencias e impactos da súa instalación serán analizados a vindeira fin de semana por Minaría Galiza no Hotel Congreso (Teo).

Académic@s e colectivos sociais analizarán os impactos medioambientais e socioeconómicos dos proxectos de explotación mineira 

Diversas palestras debullarán polo miúdo os impactos medioambientais e socieconómicos da minaría con académic@s da Universidade de Santiago de Compostela como Alba Nogueira ou Xoán R. Doldán. Porén tamén terán voz colectivos sociais como a Sociedade Galega de Historia Natural da man de Serafín González. Organizado por Minaría Galiza, o econtro procura botar luz sobre as consecuencias derivadas da instalacións dos proxectos mineiros que pretender ser desenvolvidos en Galiza mais tamén servir de espazo para partillar experiencias entre aqueles colectivos que defenden o territorio. Entre as propostas do encontro, a organización tamén achegará a posibilidade de se constituír unha rede de colectivos que permita artellar estratexias conxuntas.