Ciencia e investigación

Unha investigación coordinada pola USC traballa nun pioneiro tratamento do cancro: "É como un cabalo de Troia"

O cancro de mama será empregado como modelo na investigación. (Foto: Peter Schreiber)
Usaranse modelos de rato de cancro de mama, "os cales serán tratados con células CAR-T modificadas xeneticamente para que recoñezan moléculas que se expresan neste tipo de tumores".

Un equipo interdisciplinar coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) comezou recentemente a desenvolver unha tecnoloxía innovadora para combater tumores sólidos mediante cápsulas nanoestructuradas portadoras de células CAR-T.

Segundo vén de informar a USC nun comunicado, a iniciativa, que recibe o nome de proxecto CARTsol e que contará con perto dun millón de euros ao abeiro dunha convocatoria do Ministerio de Ciencia e Innovación, propón unha nova forma de abordar a loita contra o cancro ao ampliar o campo das terapias avanzadas baseadas en células CAR-T aos tumores sólidos.

O proxecto está coordinado polo profesor desta universidade José Rivas. Aliás, participa un equipo investigador procedente do Instituto de Materiais da USC (iMATUS) con Jorge Mira e Yolanda Piñeiro, do grupo Nanomag; as investigadoras Carmen Álvarez-Lorenzo e Anxo Concheiro, do grupo Ide-Farma; o Centro de Investigación do Cancro de Salamanca, o Centro de Investigación Biomédica en Rede de Cancro (Ciberonc), o Cima da Universidade de Navarra e Galaria S.A., empresa pública de servizos sanitarios.

A chave do proxecto consiste, en palabras do profesor Rivas, no deseño dunha cápsula "semellante a un cabalo de Troia, que permite trasladar a salvo aos soldados ao centro do campo de batalla e facilitarlles armas abundantes para que, unha vez fóra, maximicen o seu efecto contra as células tumorais".

"É unha ferramenta cuxa arquitectura consiste nunha cápsula porosa, elaborada por unha mestura de biopolímeros capaz de albergar un hidroxel enriquecido que permite incubar e expandir as células CAR-T, á vez que libera fármacos que debiliten o tumor", engadiu.

Así funciona o 'cabalo de Troia' no que traballa o persoal investigador. (Foto: USC)

A través de técnicas de imaxe médica de uso rutineiro na práctica clínica, como a resonancia magnética ou a ecografía, entre outras, o uso destas cápsulas permitirá realizar un seguimento en tempo real das células CAR-T en todo o organismo dos pacientes, apuntan desde a USC.

"Usaremos modelos de rato de cancro de mama, os cales serán tratados con células CAR-T modificadas xeneticamente para que recoñezan moléculas que se expresan neste tipo de tumores. En todo caso, o importante é que os métodos optimizados neste proxecto servirán, con lixeiras modificacións, para outros tipos de tumores sólidos", precisou Sandra Hervás, investigadora principal do proxecto que traballa no Cima de Pamplona.

Logo da súa optimización a nivel experimental usando modelos celulares e animais, sosteñen desde o equipo investigador, esta nova versión de inmunoterapia será producida en modo GMP (polas súas siglas en inglés 'Good Manufacturing Practice') "para a súa posíbel translación ao ámbito clínico", tarefa que correrá a conta de Galaria.