Terceiro incendio declarado no parque do Xurés en menos de 15 días: As chamas calcinan xa 35 hectáreas

Os equipos de extinción da Xunta da Galiza loitando contra o fogo na Serra do Xurés de hai dúas semanas. (Foto: Europa Press)
Os incendios de Cenlle e Melón están controlado e extinguido, respectivamente.

O incendio que afecta o parque natural do Xurés, na parroquia da Pena no municipio de Lobeira, calcinou xa un total de 35 hectáreas, segundo as estimacións provisionais da Consellaría de Medio Rural.

O lume, que é o terceiro que afecta o Xurés nos últimos 15 días, orixinouse ás 15.56 horas e permanece activo, pero segundo a consellaría, evoluciona "favorabelmente" cara á súa estabilización.

Neste caso, mobilizáronse catro axentes, 17 brigadas, oito motobombas, unha pa, cinco avións e nove helicópteros.

Cenlle

Por outra parte, segue baixo control desde as 22.27 horas desta cuarta feira o incendio forestal de Cenlle, iniciado na parroquia da Pena e que queimou unhas 62 hectáreas de terreo segundo as estimacións provisionais.

Nos labores de extinción deste lume, actuaron tres técnicos, 31 axentes, 79 brigadas, 47 motobombas, tres pas, unha unidade técnica de apoio, oito avións e nove helicópteros

Melón

Esta quinta feira, a Consellaría de Medio Rural informou da extinción do incendio que afectaba o municipio o de Melón sobre as 1.30 horas, após queimar 75 hectáreas.

Para controlar este lume forestal, destináronse 14 axentes, 25 brigadas, 18 motobombas, unha pa, catro avións e tres helicópteros.