O terceiro informe pericial indica que en Angrois non existía "un segundo nível de protección"

Recollen cun guindastre un dos vagóns do Alvia sinistrado

O xuíz xa ten o terceiro informe pericial que demandou para avaliar se no sinistro do Alvia -80 mortos, un centenar de persoas feridas- operaron máis causas do que o erro humano. 

O informe, asinado polo enxeñeiro industrial José Manuel Lamela, estabelece tres conclusións básicas.

A primeira é que a liña Ourense-Santiago non dispuña dun "segundo nível de protección" e nese sentido pergúntase como é posíbel que se puidese circular por ela sen "un segundo nível de protección que cubra a posibilidade de que o maquinista non atenda en tempo a necesidade de freado e se enfrente á devandita curva a unha velocidade moito superior á máxima permitida".

Lamela estabelece a responsabilidade do sinistro no "exceso de velocidade na entrada" na curva de A Grandeira -isto é, no factor humano- mas a seguir sinala tamén o interrogante que se abre perante a inexistencia dun "segundo nível de protección".

A segunda conclusión deste perito é que se si se fixo unha análise de riscos do comboio e que, aliás, se realizou de forma correcta. Sobre este aspecto, hai disparidade de criterios nos distintos informes periciais recabados polo xuíz Andrés Lago: dous deles sinalan que non se fixo a análise, en troca o asinado por Lamela afirma que si.

Hai tamén discrepancias sobre se a realización da análise era obrigatoria ou non: o enxeñeiro de telecomunicacións César Mariñas afirma que a súa elaboración si o era e non se fixo, en tanto que o enxeñeiro de camiños Juan Carlos Carballeira alegou no seu informe pericial que non era preceptivo.

A terceira conclusión do informe de Lamela é que, como denunciaron as vítimas, o tren levaba sobrepeso. A este respeito, esclarece: "Canto máis pesado sexa [o comboio], máis prexudiciais poderán ser os efeitos sobre os viaxeiros, unha vez que o devandito tren descarrile".