Teresa Romero recibe a alta

Sairá do hospital esta cuarta feira (5 de novembro) após perto dun mes ingresada por contaxio de ébola.

 

A auxiliar de enfermaría galega atinxida de ébola en Madrid será dada de alta hoxe (5 de novembro) logo de pasar perto dun mes ingresada no hospital Carlos III, a maior parte do tempo en illamento. Teresa Romero superou finalmente a enfermidade e o seu corpo non rexistra restor do virus nen sequer nos fluídos. 

A profesional sanitaria contaxiouse de ébola após atender o relixioso trasladado desde África Occidental polo Goberno español. No seu caso existen moitas sombras a respeito de como se produciu o contacto co virus mais, sobre todo, en relación ao cumprimento dos protocolos de prevención por parte das autoridades sanitarias e @s responsábeis polític@s do ministerio que dirixe Ana Mato. 

Teresa Romero comparecerá en rolda de imprensa ás 13.30h mais non responderá a preguntas por consello médico

Romero comparecerá perante os medios de comunicación nunha rolda de imprensa sen preguntas por volta das 13.30 horas. A decisión de non se produciren preguntas responde a indicacións médicas --segundo informaron fontes familiares recollidas pola axencia de noticias Europa Press. Porén, algunhas das cuestións que deseguro abordará Teresa Romero na súa comparecencia serán as accións legais que emprenderá en resposta aos acontecementos ocorridos durante o seu ingreso.
 

Accións legais contra a Consellaría de Sanidade

Neste senso, a equipa de avogad@s que leva o caso de Teresa Romero está a traballar nunha reclamación perante a Consellaría de Sanidade da Comunidade de Madrid pola decisión de sacrificaren o seu can, Excálibur e que o compañeiro de Romero tildo de "execución" non de sacrificio. Aliás, tamén presentará unha demanda xudicial contra o conselleiro de sanidade madrileño, Javier Rodríguez, por un presunto delito contra a súa honra ao acusar a auxiliar de enfermaría de mentir por non informar o seu médico de cabeceira de que estivera en contacto cun enfermo de ébola. 

De acordo coas informacións publicadas pola imprensa española, Teresa Romero desprazarase após ser dada de alta até a casa familiar de Becerreá, onde vive a súa nai. As autoridades sanitarias continúan, aliás, cos labores de limpeza e desinfección do seu piso en Madrid. Unhas tarefas que poderían prolongarse durante 11 días máis.