Tes que vacinarte da Covid? Sanidade reduce os horarios nos puntos de vacinación

Punto de vacinación na Coruña, nunha imaxe de arquivo (Foto: M. Dylan/Europa Press).
Os puntos de vacinación seguirán abertos con novos horarios para aquelas persoas ás que lles falte por administrar algunha dose da vacina contra o coronavirus.

Os puntos de vacinación da Covid-19 contarán con novos horarios a partir desta segunda feira, día 10, segundo informou a Consellaría de Sanidade. O departamento sanitario apela á importancia de facer o proceso de xestión da cita previa antes de acudir aos mesmos para que as persoas que acudan non teñan que esperar.

Sobre iso iso, lembra que se poderán facer a través da aplicación Sergas móbil. Os novo lugares e horarios poderanse consultar na páxina web do Sergas xa que varían en función do centro e non serán todos os días nin nas mesmas horas.

E é que a Dirección Xeral de Saúde Pública lembra que os puntos de vacinación seguirán abertos cos novos horarios para aquelas persoas ás que lles falte por administrar algunha dose desta vacina.

En concreto, explica que son para iniciar ou completar a pauta, desde cinco anos en diante ou para pór a dose de recordo, sempre que transcorresen máis de cinco meses desde a última dose.

Localizacións

En canto aos puntos de vacinación están situados no Hospital Marítimo de Oza, na Coruña; en Cee, o Hospital Virxe da Xunqueira; en Ferrol, no Hospital Arquitecto Marcide e en Santiago, no Hospital Clínico Universitario.

En Ribeira, é no Hospital de Barbanza; en Lugo, no Hospital Lucus Augusti e en Burela, no Hospital Público da Mariña. En Monforte, no hospital situado neste municipio e en Ourense, no complexo hospitalario.

En Verín, é no centro de saúde, igual que no Barco de Valdeorras, mentres que en Pontevedra, no Hospital Montecelo. Tamén hai outro no Hospital do Salnés, de Vilagarcía de Arousa, e en Vigo no Hospital Álvaro Cunqueiro.