Está o teu ascensor en risco de ficar 'fóra de servizo' o 1 de outubro?

Inspección técnica dun ascensor. (Foto: Andrey Popov)
Un millar de elevadores podería verse anulados se non atenden estándares de seguridade mínimos.

A Asociación Empresarial Galega de Ascensores (Aega) alertou de que o próximo 1 de outubro máis de 1.000 ascensores poderían quedar "paralizados" na Galiza co fin da moratoria á entrada en vigor de determinados aspectos da nova normativa, co foco no relativo ás inspeccións.

O 2 de abril deste ano publicouse o real decreto polo que se aproba a Instrución Técnica Complementaria, norma que supón cambios importantes desde a instalación, pasando polo mantemento e as modificacións importantes dos ascensores co obxectivo de igualar os niveis de seguridade de todo o parque, independentemente da idade dos ascensores.

Esta norma entrou xa en vigor, aínda que un dos aspectos que regula, a obriga de paralizar os ascensores naqueles casos en que a inspección periódica obrigatoria estea caducada ou sen pasar, non resultará de aplicación até a vindeira terza feira 1 de outubro.

Aega prevé que nesa data máis de 1.000 ascensores poderían quedar paralizados debido á falta de cumprimento coa inspección técnica obrigatoria. Un dato que pon en alerta á asociación e que pide aos propietarios de comunidades, vivendas ou empresas con ascensores e elevadores un cumprimento da norma para garantir uns estándares de seguridade mínimos.

Fóra de servizo

Nun comunicado, a presidenta de Aega, Ángeles Ríos, apuntou que a normativa vixente exixe, igual que a anterior, que os ascensores pasen inspeccións periódicas para garantir que cumpran cos estándares de seguridade estabelecidos.

O cambio significativo que introduce a norma en vigor é que "o incumprimento desta normativa a partir do 1 de outubro fará que queden fóra de servizo ata que pasen dita inspección".

A asociación calcula que, actualmente, na Galiza hai máis de 1.000 ascensores que serán paralizados o 1 de outubro por non ter a inspección obrigatoria en regra. "O mesmo sucederá a partir desa data cos ascensores que non renoven as inspeccións no prazo que venzan", agregou Ríos.

Unha sorte de ITV

Desde o sector exemplifican o caso comparando esta comprobación técnica co funcionamento da Inspección Técnica dos vehículos, a ITV, que en caso de non renovarse en data, implica que o coche non se poida utilizar.

O mesmo sucederá, insiste Aega, desde o 1 de outubro cos ascensores, sendo unha obriga para as empresas mantedoras deixar fóra de servizo aqueles ascensores que non teñan a inspección ao día.