Entrevista

Tiago Alvite, delegado da CIG: "A dirección da CRTVG foi designada discrecionalmente"

Tiago Alvite, traballador da CRTVG e delegado da CIG. (Foto: Nós Diario).

O 10 de novembro a CIG anunciaba unha serie de medidas en relación coa situación do persoal directivo da CRTVG a raíz dun auto do Supremo que declaraba firme una sentenza do TSXG que cuestionaba a contratación dun directivo. O responsábel da CIG na CRTVG, Tiago Alvite, explica para 'Nós Diario' o conflito.

 —Cal é o estado das medidas anunciadas pola CIG, após coñecerse que o Tribunal Supremo (TS) declaraba firme unha sentenza que cualificaba improcedente o cesamento dunha persoa con contrato de alta dirección na CRTVG, ao declarar a existencia dunha relación laboral común?
O 28 de novembro formulamos unha consulta sobre interpretación e aplicación do convenio, a fin de que a comisión paritaria emita o ditame correspondente. Rematado o prazo sen resolver, damos por cumprido este trámite previo e procederemos a interpor demanda de conflito colectivo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

—En concreto, que reclaman desde o seu sindicato?
Segundo a nosa interpretación, 31 dos 38 postos da actual estrutura directiva deben ser provistos con persoal do cadro da CRTVG, con carácter fixo ou temporal, de acordo co disposto no convenio colectivo. O acceso ao emprego público debe realizarse mediante sistemas baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia. Porén, as persoas que ocupan os mencionados postos directivos foron nomeadas discrecionalmente polo director xeral, polo sistema de libre designación e sen convocatoria pública, amparándose, pensamos que de xeito fraudulento, na normativa que regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección.

—Que argumentos empregan para facer esa interpretación?
Baseámonos nunha sentenza do TSXG de abril de 2022 que aclara que non cabe confundir a alta dirección co exercicio de funcións directivas ordinarias, que fican sometidas ao ordenamento laboral común. Mais tamén  apoiámonos nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi que en 2016 declara que os postos de xefe de sección dos Servizos Informativos de Euskal Telebista non poden ser cubertos con persoal de alta dirección, senón con persoal de cadro da empresa.

—No suposto de que a súa demanda sexa estimada, que entende que debería facer o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo?
Debería cumprir a sentenza nos seus propios termos. Agardamos que non sucumba á tentación de procurar atallos, como a insinuación da creación dun tipo de persoal indefinido directivo, que non ten abeiro legal. Se iso fixese, contemplaríamos a vía penal por posíbel responsabilidade do director xeral.

—Sinalaba anteriormente que sete postos da estrutura directiva da CRTVG fican fóra da reclamación, significa isto que cumpren coa legalidade?
Son sete postos que cumpren o requisito orgánico de depender directamente do director xeral, mais, no noso parecer, non o requisito material, xa que non exercitan con autonomía poderes inherentes á titularidade xurídica da empresa e relativos aos seus intereses xerais. Hai que lembrar que o Consello de Contas xa sinalou en 2010 que gran parte do persoal directivo da CRTVG, coa excepción do director xeral e os directores xerentes da TVG e da Radio Galega , non cumprían os requisitos exixidos para seren considerados persoal de alta dirección. Polo tanto actuaremos en consecuencia.

—Outra das cuestións en disputa é a situación das persoas funcionarias da Xunta da Galiza en situación de servizos especiais na CRTVG, xa solicitaron a revisión de oficio anunciada?
A sección da CIG na Xunta xa solicitou información sobre as persoas se atopan nesa situación, mais aínda non a facilitaron. Así e todo, ese atranco non vai impedir a presentación da solicitude de revisión de oficio.

A legalidade no emprego público

O secretario  da sección da CIG na CRTVG, Tiago Alvite, explica a Nós Diario que a finalidade da demanda formalizada polo seu sindicato é “o cumprimento da legalidade en materia de acceso ao emprego público”. Neste sentido, destaca que “se estes postos fosen provistos con persoas traballadoras do cadro da corporación, seguindo criterios de profesionalidade e garantindo o principio de igualdade, contribuiría a unha carreira profesional que hoxe ten moi pouco percorrido na CRTVG”.

Asemade, asegura que “en lugar da afinidade persoal ou política que prevalecen na actualidade no nomeamento do persoal directivo, o criterio da profesionalidade contribuiría a dotar de maior independencia os medios públicos, tan cuestionados pola manipulación informativa e a consecuente marxinación profesional que sofre moito do persoal propio da CRTVG”.